

A actriz e dramaturga ourensana asina un relato autobiográfico que se representará este xoves, 3 de abril, ás 20.30 horas sobre o escenario do Teatro Principal
Victoria Pérez e Salva del Río conforman canda Iria Pinheiro o elenco da peza
As entradas para o espectáculo están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural
Vitória é o retrato dunha denuncia. Unha peza de teatro autobiográfico que forma parte do foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura e que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz e dramaturga Iria Pinheiro cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba.
O xoves 3 de abril, ás 20.30 horas, o Teatro Principal acollerá o espectáculo teatral co que Pinheiro, apoiada na dramaturxia por Vanesa Sotelo e Ricardo Correia reconstrúe unha historia que vai dende 2017 a 2023 intercalando a documentación xudicial do proceso co xogo e a ironía características do cabaré. O texto, resultante dun laboratorio de escrita teatral e publicado pola editorial portuguesa Humus, pon o foco nas dificultades que as vítimas de acoso sexual e laboral experimentan para facer fronte aos seus agresores e a violencia estrutural e xudicial á que se ven sometidas no proceso. Neste contexto, a dicir de Pinheiro, o feito de ter presentado unha denuncia é en si mesmo unha vitoria.
En escena, a actriz acompáñase de Victoria Pérez e Salva del Río, intérpretes dunha peza que conta coas sonoridades de Mónica de Nut e DJ Concha e a Iluminación de Daniel Abalo. Ao remate do pase, o equipo participará nunha conversa co público na sesión de posfunción.
As entradas para o espectáculo (12 € con descontos para diferentes colectivos) poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. De quedaren localidades dispoñibles o día do evento, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Teatro Principal a partir das 19.30 horas.