A fraxilidade faise danza en 'Mortais e vulnerables'

O novo traballo da compañía galega Furia Sotelo chega este sábado ás 20.30 horas ao Teatro Principal.  As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do propio Teatro 

'Mortais e vulnerables' é o novo espectáculo da compañía Furia Sotelo. [Foto: Rubén Vilanova]

No mes que abeira o Día Internacional da Danza, a programación escénica de Compostela Cultura énchese de propostas para explorar a arte do movemento dende diferentes estilos, discursos e perspectivas. Este sábado, día 6 de abril, ás 20.30 horas, a compañía Furia Sotelo toma as táboas do Teatro Principal con 'Mortais e vulnerables' un solo de danza interpretado pola bailarina Alejandra Balboa que nos propón unha viaxe metafórica arredor da fraxilidade da existencia humana. 

Trátase do segundo solo concibido pola coreógrafa e bailarina Nuria Sotelo tras 'Métanse nos seus asuntos', o espectáculo co que once anos atrás botou a andar a compañía Licenciada Sotelo. Este novo traballo, xestado maiormente n'A Casa Vella, un espazo de creación impulsado por Sotelo e Rubén Vilanova en Allariz, marca un punto de inflexión no traballo da compañía e abre a súa nova etapa baixo o nome de Furia Sotelo. Paradoxalmente, o solo xorde dun proceso de creación colectiva e da contribución de diferentes coreógrafas que acompañaron o seu desenvolvemento, como Beatriz Palenzuela, Rafael de la Lastra, Alejandra Balboa e Mónica García. Froito desa suma de achegas e ollares, 'Mortais e vulnerables' ispe a danza das aparencias e enfeites anecdóticos para facer do corpo o protagonista e, do movemento, o vehículo para explorar o desexo e a vulnerabilidade. 

A peza forma parte do circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura.

 

As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas a un prezo de 10 euros (con descontos do 50 por cento para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Teatro Principal (o propio día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio). Ao remate do pase, Nuria Sotelo e Alejandra Balboa participarán na #posfunción, unha conversa co público arredor do proceso creativo da peza.

 

Nuria Sotelo
Bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Licenciada Sotelo, agora Furia Sotelo, é docente no campo do movemento, traballadora no campo social das artes, e promotora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no medio rural A Casa Vella.
Coa súa compañía desenvolveu espectáculos como 'Métanse nos seus asuntos , 'Vostede está aquí', 'Estado de graza', 'Ensaio amor', 'Incerteza', 'A Gala', 'Rosa', 'Entre' e 'Mortais e vulnerables', que foron presentados en diversos festivais das contornas autonómica, estatal e internacional. En 2017 foi premiada como coreógrafa pola obra' Ensaio amor' no Certame Coreográfico de Madrid e recibiu o Premio de Interpretación Maruja Villanueva do Concello de Padrón.
Como intérprete, traballa en varias compañías de danza e teatro, como o Centro Coreográfico Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante, Aporía Teatro, Cía. Mikel Arístegui e Matarile Teatro.. Ademais, realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos. No ámbito social das artes, traballou en proxectos para a compañía 5S ou o Festival Internacional de Danza Deltebre Dança. En 2019, o seu proxecto escénico comunitario e inclusivo 'Ser con' foi un dos beneficiarios do programa Arte para o Cambio da Fundación A Caixa. Dende 2016 é tamén colaboradora habitual dos programas de igualdade do Concello de Allariz.

Alejandra Balboa 
Licenciada en creación e interpretación pola Escola Superior de Dança de Lisboa, esta artista pontevedresa compatibiliza o seu traballo escénico co labor docente no campo da danza. 
Realizou as súas prácticas profesionais coa compañía OtraDanza de Alacante en 2016 e, ao abeiro do programa Erasmus, en 2017 traballou coas compañías Irene K (Bélxica) e Francesca Selva (Italia). 
O seu primeiro sólo, 'Do you understand anything? I try'  (2016), foi semifinalista do XV Certamen Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York, premio Ventana Abierta a la Danza de Málaga, premio Danza Excelsior de Siena (Italia) e finalista do certame Sólodos en Danza de Ourense, alén de participar en diferentes festivais da contorna estatal. 'Vertebrata', o seu segundo traballo, fíxoa finalista do certame Sólodos en Danza en 2020 e da V Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM Cáceres en 2021, alén de valerlle os premios á mellor interpretación e Premio LABO XL4; en Albalat en Dansa, e o premio do Festival DZN en 2022 e transitar tamén por festivais estatais e internacionais.
En paralelo, Alejandra Balboa colabora como coreógrafa e intéprete en diferentes traballos, como 'Lali Lali' (2016), con Samuel Gordillo; ou 'Trick or Treat' (2017) con Teresa Manjua. No seu labor como intérprete destácanse 'La partida' (2018) de Vero Cendoya; 'Barroco Suite' (2018) de Francesca Selva; 'Caterva' (2019) da Cía Sólodos, Galicia Danza Contemporánea e Teatro Ensalle, ou. 'In Between' (2021) de Mikel Aristegui, ademais de 'Ópera Alcina' (2021) en colaboración con Orquestra Barroca de Vigo 430 dirixida por Pavel Amilcar.

MÁIS INFORMACIÓN