A formación galega Catro Quince abre a décima edición do ciclo De Lugares e Órganos

A igrexa de San Paio de Antealtares acolle o primeiro dos concertos do ciclo o domingo 13 de abril ás 20.30 horas.
Roberto Santamarina Fernández ao violín barroco, Carlos García Amigo ao violonchelo barroco e Alejandra Escolante Mujico ao órgano e espineta, interpretarán un programa con obras de autores como Pedro de Araújo, Dario Castello, Marco Uccellini e Johann Jakob Froberger
A axenda prosegue o luns 14 cunha proxección e coloquio arredor do filme O ano pasado en Marienbad, de Alain Resnais, ás 19.30 horas en NUMAX.

 

A música de órgano protagoniza a axenda cultural da Semana Santa da man do ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela que este ano chega á súa décima edición e se consolida como referente na programación musical da cidade. Do 13 ao 20 de abril, o ciclo ofrecerá novas oportunidades de descubrir o patrimonio organístico de Santiago e coñecer a súa historia musical con concertos e actividades diversas en espazos excepcionais. 

 

A formación galega Catro Quince abre a programación o domingo 13 de abril ás 20.30 horas na Igrexa de San Paio de Antealtares co concerto Con moita invención e diversidade. Roberto Santamarina Fernández ao violín barroco, Carlos García Amigo ao violonchelo barroco e Alejandra Escolante Mujico ao órgano e espineta, interpretarán un programa que se inicia cunha entrada de claríns de autoría anónima que dá paso a obras de  autores como Bernardo Storace, Giovanni B. Fontana, Dario Castello, Marco Uccellini, Johann Jakob Froberger, Domenico Gabrielli, Johann H. Schmelzer e Pedro de Araújo, que explora as linguaxes e sonoridades do Barroco. Este percorrido pola música de diferentes autores do século XVII dá mostra do novo estilo que se instalou naquela altura na composición musical, caracterizado polo afán de xerar emocións a través de fortes contrastes no ritmo e nas dinámicas e de novas formas interpretativas. De aí o título que inspira o programa, extraído da recomendación que o teórico italiano A. Agazzari lles prescribía aos intérpretes de tocar “… con moita invención e diversidade”.

Os convites para o concerto, de balde e esgotados desde hai uns días, teñen validez até 10 minutos antes do seu comezo. En caso de non asistencia, as localidades vacantes poranse á disposición do público. 

Catro Quince

Roberto Santamarina Fernández, Carlos García Amigo e Alejandra Escolante Mujico integran Catro Quince, unha formación na que as diferentes traxectorias artísticas destes intérpretes converxen nun interese compartido pola música antiga e polos repertorios do Barroco temperán. O seu nome fai referencia a unha frecuencia de afinación, máis grave que a habitual nas orquestras modernas, que ofrece sonoridades menos potentes, pero máis cálidas, e que vén sendo empregada como patrón habitual na interpretación de música historicamente informada. 

Separadamente, son tamén integrantes e colaboradores de coñecidos grupos de música histórica (Alicerce, Manseliña, Martín Códax, América Antiga…), e participan activamente en diferentes ciclos culturais e musicais da súa contorna e do ámbito estatal e internacional.

O seu repertorio transita do sacro ao profano, especializándose na música do século XVII con obras para este tipo de agrupación instrumental (Sonatas, Canzzonas, Ciacconas…) de compositores como Uccellini, Fontana, Castelo, Marini, Matteis, Schmelzer, Froberguer ou Biber, entre outros.

O órgano de San Paio de Antealtares

O concerto deste domingo permitirá ao público do ciclo gozar unha outra vez do órgano da igrexa de San Paio de Antealtares, un dos instrumentos históricos máis presentes na traxectoria do programa De Lugares e Órganos.  Coa reorganización das ordes monacais en Galicia no século XVI, as monxas beneditinas pasaron a ocupar o mosteiro de Antealtares, onde en 1537 se construíu un órgano a cargo de Pedro Vélez. Máis adiante, en 1625, Gaspar de Alaraz y Estrada, organeiro da Catedral de Santiago, interveu tamén no instrumento. A finais do século XVIII, entre 1782 e 1784, o organeiro compostelán Alberto de la Peña construíu o órgano que hoxe se conserva, considerado unha obra mestra da organaría barroca ibérica. Foi restaurado por primeira vez en 1974 polo obradoiro de Gerhard Grenzing, quen destacou a súa excepcional calidade.

O instrumento ten dous teclados de 51 teclas, partidos e con oitava tendida. O primeiro teclado controla o chamado órgano maior, aquel composto polos canos da fachada e outros máis dentro da caixa, pero na súa parte frontal. Pola contra, o segundo teclado controla a chamada cadereta interior, que é como un pequeno órgano independente, con todos os canos dentro da caixa situados cara á parte de atrás. O son deste segundo teclado é máis feble e afastado que o do primeiro, o que lle permite ao instrumentista introducir cambios de intensidade na súa interpretación, e tamén mudar os timbres, pois cada teclado dispón de diferentes rexistros. O número total de rexistros é, no órgano maior, de 13 na man esquerda e 15 na dereita e, na cadereta, de 7 na man esquerda e 8 na dereita. Ten, ademais, 10 contras ou canos de sonoridade grave que se poden accionar cos pés.

Para Compostela en particular, e para Galicia en xeral, este instrumento representa un dos cumes da arte da organaría no momento de máximo esplendor do chamado órgano barroco ibérico. É, por tanto, unha das pezas máis importantes, en termos absolutos, do patrimonio histórico galego, construída ademais por un organeiro formado en Compostela, daquela un dos principais focos da organaría peninsular. 

O son do órgano ecoa noutros espazos de Compostela

Alén dos concertos, o ciclo mantén seccións xa tradicionais que espallan a súa proposta de descuberta musical pola cidade. Desta volta, afonda na pegada do órgano no cinema coa proxección da película L’Année dernière à Marienbad (O ano pasado en Marienbad, Alain Resnais, 1961), o 14 de abril ás 19.30 horas en NUMAX. O clásico filme de Alain Resnais ten a singularidade de que a súa banda sonora foi composta para órgano por Francis Seyrig, e é precisamente a música un dos elementos que máis intensifica a sensación de ambigüidade e entresoño que caracteriza a cinta. A intérprete da música, Marie-Louise Girard, e o órgano no que esta foi gravada, o do Oratoire du Louvre en París, contribúen a realzar a relevancia que o instrumento acada no conxunto dun filme cun elevadísimo interese cinematográfico. A proxección, en versión orixinal francesa con subtítulos en galego, irá acompañada dunha pequena conversa para contextualizar a proxección e achegar as claves que permitan entender a conexión do filme co mundo do órgano.

As entradas (4€) están dispoñibles na sala de cinema e na web numax.org