Florian Henckel álzase por segunda vez co Premio do Público de Cineuropa

Florian Henckel gañou o premio do público e unha das ovacións máis prolongadas do festival con A vida dos outros en 2006. Doce anos tiveron que pasar para o seu agardado regreso con outro drama en tempos de fronteiras e coa arte como mecanismo de guión que representa esa pugna entre a liberdade e a opresión, entre a memoria e o soterramento. Con todo, o público de Cineuropa volveu recoñecer o bo facer do cineasta outorgándolle a Obra sen autor a mellor puntuación dos filmes que conforman a Sección Oficial Europea en cada un dos seus tres pases cun 8,55 o domingo, un 8,44 no pase do martes, e un 8,86 na súa última exhibición.

Mais o de Henckel non foi o único galardón desta 32ª edición do Festival. O concelleiro de Educación, Manuel Dios Diz, entregou o Premio Dereitos Humanos ao filme Last men in Aleppo, do cineasta sirio Feras Fayyad, un necesario documental que pon sobre a mesa o dilema ao que se enfrontan cada día os Cascos Brancos e os máis de 350.000 habitantes de Alepo: abandonar o país coas súas familias e buscar refuxio ou quedar e loitar ata o final para defender a súa cidade.

O segundo Xurado Novo de Cineuropa —do que José Luis Losa, director do certame, salientou a súa bravura e bo facer— outorgou os Premios do Xurado Novo de seis categorías. Aldara Pagán, Ángel López Rivas, Antía Díaz López, Laura Sixto, Gonzalo Rodríguez de Uña, Sara García Cabeza e Xoán Fernández Diz escolleron como mellor filme Longa viaxe do día cara á noite, de Bi Gan; e outorgáronlle o premio á mellor dirección a Claire Denis por High Life; mellor guión para Peter Strickland por In fabric; mellor interpretación feminina para Alina Nasibullina, protagonista de Cisne de cristal; e mellor interpretación masculina para Félix Maritaud por Sauvage. Alén destes premios, os sete mozos e mozas do Xurado Novo recoñeceron cunha mención especial a ópera prima de Alisa Berger, Os corpos dos astronautas.

Polo demais, as proxeccións de Plaire, aimer et courir vite, de Christophe Honoré, no Teatro Principal, e Un couteau dans le coeur, de Yann Gonzalez, no Salón Teatro, puxeron fin á trixesimo segunda edición do Festival Cineuropa. Atrás quedaron 22 días de cine no que se exhibiron 307 filmes ante 21.255 asistentes en 8 sedes compostelanas, unha media dunhas 1.000 persoas cada día. O Teatro Principal, o Salón Teatro, os Multicines Compostela, Numax, o Museo das Peregrinacións, a Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta, a Sede Afundación e o Auditorio de Galicia acolleron do 7 ao 28 de novembro proxeccións, concertos, coloquios e mesas debate dunha edición que tivo como eixo temático a necesidade de xerar debate con todas aquelas películas que no seu momento supuxeron unha transgresión aos valores da moral ultraconservadora.

Premios Cineuropa e encontros

Aos recoñecementos outorgados polo público e o Xurado do Festival, cómpre sumar os Premios Cineuropa 2018, que distinguiron o labor e a filmografía de Isaki Lacuesta, Ángela Molina e Antonio Durán «Morris». O director de La leyenda del tiempo e La noche que no acaba, entre outros filmes, abriu a nómina de laureados desta edición ao recoller o primeiro dos premios de 2018. A cerimonia de entrega, celebrada o día 8, deu paso á proxección do seu último filme, Entre dos aguas, co que acadou a súa segunda Cuncha de Ouro de San Sebastián.

A entrega do Premio Cineuropa a Ángela Molina chegou o sábado 17. O alcalde Martiño Noriega entregoulle o segundo dos Premios desta edición como necesaria homenaxe ao talento e a forza artística da actriz. A cerimonia foi seguida da proxección dese clásico de Luis Buñuel protagonizado por Ángela Molina, Fernando Rey e Carole Bouquet que é Ese escuro obxecto do desexo.

O último dos Premios Cineuropa 2018 recaeu nese actor galego e á vez universal que é Antonio Durán «Morris». Actor de teatro, cinema e televisión, de poderoso virtuosismo mesmo para dotar de instólita humanidade aquelas personalidades patolóxicas que salpimentan a súa prolífica filmografía. Morris Durán recibiu o seu merecedísimo galardón de mans do alcalde de Santiago de Compostela Martiño Noriega na cerimonia de clausura do festival, que se celebrou este mércores 28 de novembro.

Entre as e os cineastas e actores que visitaron Cineuropa en 2018 e protagonizaron encontros co público cóntanse tamén Alisa Berger, Güldem Durmaz, Pedro Cruz, Queyi, Charlotte Serrand, Andrés Lübbert, Elías León Siminiani, Eugenio Canevari, Mariano Llinás, Hernán Zin (acompañado da actriz e produtora galega Nerea Barros), Lucía Palacios e Dietmar Post; alén dos galegos Domingo Díaz, Rafa de los Arcos, María Ruido, Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén, David Hernández, Ángel Cordero, Xacio Baño, Pablo Váquez, Denis Carballás, Ana Domínguez, Antón Corbal e Ángel Filgueira.

Moito máis que cinema

En total foron 307 as películas programadas na 32ª edición de Cineuropa integrados na Sección Oficial Europea, Sección Oficial Internacional, Dereitos Humanos: a memoria é presente, O presente é muller, Cinefilias, 100 anos de cine romanés, Rafael Azcona en Italia, Fantastique Compostela, Cineuropa miúda, Cine e xadrez, Maratón, Cult movies, Escándalo: cinema sen lei nin mordazas, Panorama audiovisual galego, LatidoAmericano, Docs Cineuropa, Lembranzas de Lanzmann, Foco Kôji Wakamatsu e Foco Eloy de la Iglesia.

Diferentes actividades engrosaron o programa desta 32ª edición de Cineuropa. Entre elas cómpre salientar a sesión na que a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Helmut Imig, musicou en directo ese clásico do cinema expresionista que é á película muda O gabinete do doutor Caligari, de Robert Wiene.

Tamén estreitando fronteiras entre o ámbito musical e o cinematográfico, estivo a improvisación en vivo da pianista de orixe romanés Mihaela Duma, que acompañou musicalmente a proxección de Independenţa României (A guerra da independencia,1912), filme de Aristide Demetriade e Grigore Brezeanu que  conmemorou en 1912 o 35º aniversario da soberanía nacional romanesa, e que abriu o día 16 de novembro a retrospectiva dos 100 anos de cine romanés en Cineuropa. A este evento asistiu tamén María Pop, directora do Instituto Cultural Rumano en Madrid, institución que colaborou na programación desta sección.

Alén deste tipo de eventos, celebráronse varias mesas debate, como a titulada Mulleres creadoras: a situación no audiovisual galego e as experiencias noutros escenarios, que acolleu o Museo das Peregrinacións o día 23 de novembro coa intención de analizar a evolución do sector cinematográfico e na que participaron Anxos Fazáns, María Ruido, Jaione Camborda, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez. Outra mesa debate que xerou gran interese foi a que convocou a Sidahmed Salec, Manuel Rivas, Maite Isla, Mohamed Zerga e Eloy Domínguez Serén ao redor do conflito no Sáhara Occidental a propósito da Preestrea galega de Hamada, de Eloy Domínguez.

Ao falar integración con outras iniciativas desenvoltas na cidade, é preciso mencionar tamén a colaboración coa asociación Hostalería Compostela no programa Santiago(é) Tapas e o apoio de Cineuropa á campaña En negro contra as violencias, con proxeccións específicas sobre a violencia machista na xornada do 25 de novembro.

MÁIS INFORMACIÓN
  • 'Obra sen autor' encabeza a Sección Oficial Europea cun 8,62 .
  • A cerimonia de clausura, na que se lle entregou o Premio Cineuropa a Antonio Durán «Morris», puxo fin a 22 días de cine no que se exhibiron 307 filmes.
  • 21.255 espectadores confirman o apoio do público ao festival