A exposición «Antifémina. Colita» despídese esta semana do Auditorio de Galicia

A mostra que pode visitarse ata o 1 de agosto, reúne máis de 130 fotografías e os textos de Maria Aurèlia Capmany nun percorrido que continúa interpelando o público medio século despois da publicación do libro orixinal
«Antifémina. Colita» é unha exposición producida por La Fábrica e Círculo de Bellas Artes e enmarcada na programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio da Cidade
 

O Auditorio de Galicia encara a última semana de Antifémina. Colita, a exposición que recupera un dos proxectos máis relevantes da historia recente da fotografía na contorna estatal. A mostra, que permanecerá aberta ata o sábado 1 de agosto na Sala Isaac Díaz Pardo, ofrece unha oportunidade única para descubrir ou revisitar un traballo que mantén intacta a súa capacidade para cuestionar os estereotipos de xénero e a representación das mulleres na sociedade. 
Coproducida por La Fábrica e o Círculo de Bellas Artes, coa curadoría de Francesc Polop, a exposición reúne máis de 130 fotografías de Colita organizadas en dez ámbitos temáticos que dialogan cos textos da escritora e ensaísta Maria Aurèlia Capmany, coautora do libro Antifémina, publicado en 1977 e censurado pouco despois da súa aparición. 
Ao longo do percorrido, a mostra aborda cuestións como a invisibilidade da vellez feminina, o matrimonio como destino social, o traballo das mulleres, a relixión, a prostitución, a cousificación do corpo, a marxinación, a moda, o piropo ou os papeis impostos ás mulleres. Lonxe de ofrecer unha visión nostálxica, Antifémina propón unha lectura crítica que invita a reflexionar sobre os avances acadados e sobre as desigualdades que, décadas despois, continúan presentes. 
A exposición supón tamén unha oportunidade para redescubrir a obra dunha das grandes figuras da fotografía documental española. Co seu estilo directo, irónico e profundamente humanista, Colita retrata unha sociedade en transformación e faino en diálogo coa lucidez e o pensamento crítico de Maria Aurèlia Capmany, cuxos textos acompañan as imaxes ao longo de toda a mostra.
Nas últimas semanas, Antifémina completou o seu programa de actividades paralelas con visitas guiadas que permitiron afondar no contexto histórico da exposición e no proceso de recuperación dun proxecto que, case cincuenta anos despois da súa creación, continúa mantendo unha extraordinaria vixencia.
A mostra poderá visitarse ata o vindeiro sábado, día 1 de agosto, na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, con entrada libre, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.