A entrega do Premio Cineuropa a Antonio Durán «Morris» clausura a 32ª edición do festival

Este mércores 28 clausurarase a 32ª edición de Cineuropa, festival que ocupou 22 días deste mes de novembro e no que se proxectaron 307 títulos de máis de 50 países en nove sedes compostelanas. O punto final estará protagonizado por ese actor galego e á vez universal que é Antonio Durán «Morris», quen recollerá o terceiro dos Premios Cineuropa que o festival outorgou nesta edición. Actor de teatro, cinema e televisión, de poderoso virtuosismo mesmo para dotar de instólita humanidade aquelas personalidades patolóxicas que salpimentan a súa prolífica filmografía. Morris Durán recibirá o seu merecedísimo galardón de mans do alcalde de Santiago de Compostela Martiño Noriega nun acto que dará comezo no Teatro Principal ás 20:30 h.

O II Xurado Novo de Cineuropa, conformado por sete mozas e mozos de entre 18 e 25 anos, tamén terá un papel activo no evento. Logo de valorar ao longo deste 22 días un total de 22 filmes, Aldara Pagán, Ángel López Rivas, Antía Díaz López, Laura Sixto, Gonzalo Rodríguez de Uña, Sara García Cabeza e Xoán Fernández Diz lerán a composición do seu palmarés composto polas seguintes categorías: Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina.

Pola súa banda, o concelleiro de Educación e Ciudadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios Diz, fará entrega do Premio Dereitos Humanos, concedido ao filme máis votado polo público do festival da sección Dereitos humanos: a memoria é presente.

De seguido, a cerimonia será clausurada coa proxección do filme Kursk, o último filme do recoñecido dinamarqués Thomas Vinterberg. Centrando Kursk sobre a misión de salvamento marítimo e a supervivencia da tripulación a porta pechada, así como na inquietude das familias, Vinterberg non esquece cargar o seu thriller claustrofóbico cunha aguda crítica da sociedade rusa de principios de século XXI, e o seu discurso de fachada que pretende esconder as fallas dun país de infraestruturas vetustas. A posta en escena, sobria e desposuída de grandes artificios, fai xustiza ao trauma das familias e ao sacrificio destas novas vítimas condenadas sobre o altar do orgullo nacionalista. Un drama político e humano, tinguido de punxente melancolía e cólera ardente.

Outras catorce sesións encherán de cine a programación do día, a salientar:

Obra sen autor, de Florian Henckel, unha das favoritas do público desta edición, que terá o último pase no Teatro Principal ás 17 h. Trátase dun drama en tempos de divisións, fronteiras, guerras, réximes liberticidas, esvásticas e amores bigger tan life. E da arte como mecanismo de guión que representa esa pugna entre a liberdade e a opresión, entre a memoria e o soterramento.

Plaire, aimer et courir vite, filme de Christophe Honoré que poderemos ver no Teatro Principal ás 23 h., e na que a evocación dunha historia de amor condenada á dilución e, con todo, vivida coa intensidade do gozar do momento.

Pity, de Babis Makridis, proxectarase no Salón Teatro ás 18:15 h. Tendo como eixo central a formidable interpretación de Yannis Drakopoulos —que nun sublime exercicio de xestualidade keatoniana, combina impasible o gag absurdo con momentos da perversidade máis absoluta—, Pity mantén o ton e o ritmo austeros, zarrapicados dun humor tan negro que se acaba sentindo como un coitelo entre as costelas. Elegantemente concibida e depravadamente convincente.

The kindergarten teacher, de Sara Colangelo, será proxectada de seguido, no Salón Teatro ás 20:15 h. O remake da obra de Nadav Lapid é quen de reter a tensión crecente que levaba xa a versión israelí do cinema con neno ao thriller irrespirable.

Por último, Un couteau dans le coeur, unha das propostas máis libres e poderosas do pasado Cannes, dirixida por Yann Gonzalez, botará o pecha á programación do festival no Salón Teatro ás 22:15 h.

PREMIO CINEUROPA

ANTONIO DURÁN “MORRIS”: O MUNDO QUE FOI E O QUE É

(José Luis Losa)

Hai unha enorme xustiza poética no feito de que fose unha serie de televisión a que internacionalizou o talento de actor de Morris. Porque a televisión foi a que o fixo en Galicia un rostro máis coñecido que o home do tempo cando o home do tempo era Mariano Medina. Como tantos, antes diso, Morris aspirou o veleno do teatro. Con vinte anos interpretaba a Fernando Arrabal coa súa compañía Artello, cando Arrabal era un roxo perigoso e aínda non o home bébedo do milenarismo ou o tipo que escribía cartas amorosas a José María Aznar. Pois Morris, con vinte anos, interpretaba sobre as táboas a Aristófanes , a Ionesco ou a Méndez Ferrín, moito antes de que existise o Centro Dramático Galego. Isto é que, como tantos –como o seu amigo Ernesto Chao— foi primeiro de nada un actor pura raza, corenta anos antes de Netflix. Morris fixo shakespeares e molieres antes de recalar nesas series que humanizaban a orwelliana TVG. En cinema, de entre a xa ampla nómina de personaxes que protagonizou con directores como Fernando León, Antonio Hernández, Daniel Monzón ou o noso Alfonso Zarauza, hai un traballo de Antonio Durán que a min chegoume especialmente. Trátase dun filme que –seguramente— verían tantos espectadores como os que asistían ás montaxes teatrais de Artello. Pero a min o rexistro de Morris en El mundo que foi e o que é, do tan vocacionalmente minoritario como interesantísimo Pablo Llorca, paréceme soberbio. É un deses personaxes dunha clandestinidade comunista á que o cinema español condenou á inexistencia. Sería necesario que esa película de Llorca fose revisada pola súa coraxe na defensa dunha postura intransixente con algúns trágala da santa Transición. E para atopar unha das máis valiosas interpretacións de Morris no cinema español. Fascíname tamén o personaxe do noso premiado en Pieles, de Eduardo Casanova. Na irregularidade desa ópera prima de Casanova hai un personaxe, ese individuo parafílico e pederasta, que o actor é capaz de dotar de humanidade insólita. Tras ver esa presenza indeleble de Morris, pensei que a súa capacidade para embocar personalidades patolóxicas lembrábame á de Richard Attenborough no Estrangulador de Rillington Place, unha das pezas mestras do tríptico de Richard Fleischer sobre a psicopatía criminal. E agora chegou o pai de todos os charlines. E, en efecto, Morris métese en Fariña ao mundo no peto porque nesa sensacional composición súa asistimos ao seu virtuosismo para facer acariciable a banalidade do mal. Por iso, intuímos que haberá moitos máis charlines e outros seres de moito perigo na carreira do noso homenaxeado que –non esquezan— xa foi actor de culto naquela transgresión con lugar de honra no cinema galego que é A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos.

MÁIS INFORMACIÓN
  • A cerimonia de clausura celebrarase ás 20:30 h. no Teatro Principal compostelán e contará coa presenza do alcalde, Martiño Noriega, e do concelleiro de de Educación e Cidadanía, Manuel Dios.
  • Quince sesións de cinema botarán o peche aos 22 días de cine deste mes de novembro cinematográfico.