Encontros e moito cine para este segundo xoves de Cineuropa

Tras Un sol interior, proxectada a pasada edición deste festival, na que se permitía un excurso pola comedia de muller descasada, Claire Denis repite con Juliette Binoche nunha viaxe a un xénero moito máis afastado, a ciencia ficción dentro de nave espacial, como vehículo de reflexión mesmo existencialista. Ás 20 h. no Teatro Principal, non perdan High life, o novo de Denis protagonizado por ese actor cada vez máis solvente que é Robert Pattinson. A continuación, ás 22:15 h. no mesmo Teatro, poderán presenciar o retorno doutro dos habituais de Cineuropa, o chinés Jia Zhang-Ke, que constrúe en Ash is purest white, unha historia de amor e vinganza que foi seleccionada para a sección oficial de Cannes.

O Salón Teatro acolle pola tarde ás 20 h. Pity, unha comedia negra do grego Babis Makridis que non os deixará indeferentes. Tendo como eixo central a formidable interpretación de Yannis Drakopoulos —que nun sublime exercicio de xestualidade keatoniana, combina impasible o gag absurdo con momentos da perversidade máis absoluta—, Pity mantén o ton e o ritmo austeros, zarrapicados dun humor tan negro que se acaba sentindo como un coitelo entre as costelas. O filme grego dará paso a Mente revólver (ás 21:45 h.), unha historia de denuncia na que o mexicano Alejandro Ramírez Corona constrúe un relato coral con singular ambición narrativa para mostrar o arraigamento da violencia en México.

Ás 20 h. no Museo das Peregrinacións, haberá outra oportunidade de conversar con Güldem Durmaz sobre Kazarken: en creusant, unha experiencia vital realmente hipnótica, unha aventura ao fondo da mente que transcende o cinematográfico. Como novidade do Museo das Peregrinacións (ás 18 h.) contaremos tamén con O termómetro de Galileu, o último traballo da cineasta lusa Teresa Villaverde, un fermoso un ensaio poético sobre a admiración e a amizade entre cineastas que esperatará a súa empatía de xeito inmediato.

Este xoves teremos novos pases de dous recoñecidos filmes que tratan a memoria como espazo de loita contra o esquecemento e a violencia ocultas na historia como son El silencio de otros —documental de Almudena Carracedo e Robert Bahar sobre o primeiro intento na historia de procesar os criminais da ditadura franquista—, e The other side of everything, filme de Mila Turajlic nomeado ao Premio LUX no que se mestura o persoal e o político, tecendo a historia de Serbia coas memorias familiares. Ás 18:15 h. no Principal poderemos ver o primeiro e ás 20:30 h nos Compostela, o segundo.

A programación do día completarase con varias proxeccións de carácter gratuíto exhibidas nos Multicines Compostela, Sala Agustín Magán e o Museo das Peregrinacións. Toda a información sobre o programa está dispoñible no sitio web cineuropa.gal.