Curtocircuíto inaugura a súa vixésima edición coa estrea de 'O Corno' en Galicia

O Festival Internacional de Cinema abriu o seu 20º aniversario nun acto no que participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, o presidente da Deputación de Pontevedra, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña e o director da Agadic

A vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto inaugurouse nun acto que incluíu a estrea en Galicia da película de Jaione Camborda, O Corno, gañadora da Cuncha de Ouro na 71º edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, deron a benvida ás persoas asistentes á sesión inaugural e presentaron esta nova edición dun festival xa consolidado no panorama internacional e referente cultural da cidade compostelá.

De esquerda a dereita: O director artístico do festival, Pela del Álamo; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora do filme, Jaione Camborda; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López.

Goretti Sanmartín salientou a feliz coincidencia de que "o Curtocircuíto celebre os seus 20 anos de traxectoria coa estrea dun filme escrito e dirixido por unha muller afincada en Compostela que vén de gañar, hai escasos tres días, a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián". Neste sentido, a alcaldesa asegurou que "Jaione Camborda é un orgullo para Santiago de Compostela, o trasunto do concello que queremos, un concello de igualdade, con mulleres que dan pasos adiante, atrevidas, coa cultura como unha extraordinaria carta de presentación, coa lingua como identidade da que se gabar, un concello de vangarda, talento, esforzo e compromiso".

Pela del Álamo remarcou que "o festival celebra o seu vixésimo aniversario cunha clara vocación de reinventarse para ofrecer un formato acorde á actualidade e que, por tanto, fomente a experiencia co público e a interactividade, converténdose nun punto de encontro para espectadores e artistas". O director artístico de Curtocircuíto tamén destacou durante a súa intervención "o intenso programa que o festival acollerá este ano, con máis do 50% de filmes dirixidos por mulleres e unha selección de películas de máis de 16 países".

O director artístico do festival, Pela del Álamo, e a alcaldesa Goretti Sanmartín no acto de inauguración do festival.

A continuación presentouse a proxección de O Corno da man da súa directora, Jaione Camborda, e a produtora do filme, Andrea Vázquez, xunto con Fernando R. Ojea, director de contidos da CRTVG, entidade que participa na película. Jaione Camborda, directora, guionista e tamén produtora do filme agradeceu ao festival a oportunidade de facer a preestrea galega de O Corno en Compostela, a súa cidade de acollida dende fai 15 anos, e facelo "diante de tanta xente querida nun festival ao que tamén lle debo moito como público e como cineasta".

Pola súa banda, Pela del Álamo, agradeceu a todo o equipo da película ter elixido Curtocircuíto como espazo para a estrea galega da película "é un verdadeiro orgullo acoller hoxe esta estrea, dun filme que fai historia e que sitúa o cine galego no panorama internacional. Gracias e parabéns, Jaione", apuntou.

O Corno

O Corno estréase en Galicia en Curtocircuíto tras facer historia por ser a primeira longametraxe dirixida por unha muller española que se alza coa Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, alén de ser a primeira produción en galego que participa na sección oficial. Tras a estrea en Galicia esta noite no marco de Curtocircuíto, o filme chegará ás salas de cinema o vindeiro 11 de outubro.

O Corno é un drama rural ambientado en Galicia nos anos 70, coa bailarina Janet Novas como actriz principal no que é o seu debut no cinema e cun reparto no que destacan, entre outros, Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido. A película, rodada en galego e en portugués, percorre localizacións nas comarcas de Arousa e O Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e parteira que, tras un terrible suceso, ten que fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.