Curtocircuíto anuncia as datas das súa 23ª edición

O certame consolida a transformación iniciada o pasado ano cara a un festival en dúas fases, aberto á cidade e orientado á convivencia entre creadoras, cineastas e público
O Curtocircuíto Campus, centrado na alfabetización audiovisual, celebrarase do 6 ao 10 de abril, mentres que o Festival, coa programación intensiva de proxeccións e actividades paralelas, se desenvolverá do 30 de xuño ao 5 de xullo

O Festival Internacional de Cinema · Curtocircuíto anuncia as datas da súa vixésimo terceira edición, articulada novamente arredor de dúas fases complementarias que reforzan o seu carácter formativo, anovador e de encontro co público.

Do 6 ao 10 de abril celebrarase o Curtocircuíto Campus, un programa intensivo dedicado á creación cinematográfica, ao pensamento contemporáneo e ao acompañamento de novos talentos. Durante cinco días, Compostela converterase nun espazo de aprendizaxe, diálogo e experimentación no que alumnado, profesionais e público interesado poderán participar en diferentes actividades arredor do cinema.

O segundo bloque terá lugar do 30 de xuño ao 5 de xullo, datas nas que se desenvolverá o Festival Curtocircuíto propiamente dito. A programación incluirá as súas seccións competitivas e retrospectivas, ademais de concertos, performances, encontros con artistas e programación expandida, con propostas que desafían os límites da linguaxe audiovisual.

Coa división en dous períodos, Curtocircuíto afonda no seu modelo de festival vivo e en constante evolución: un espazo que non se limita a exhibir filme, senón que acompaña procesos, constrúe comunidade e amplía a relación de Compostela coa cultura contemporánea.