Curtocircuíto abre o prazo para a inscrición de traballos na súa vixésimo terceira edición

O Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela convoca á participación mediante inscrición gratuíta a través de Shortfilmdepot, aberta ata o 1 de xuño de 2026
Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e o ICAA

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto abre o prazo de inscrición de curtametraxes para a súa 23ª edición, que se celebrará en Santiago de Compostela do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2026. A convocatoria, aberta ata o 1 de xuño, convida a cineastas, produtoras e creadoras de todo o mundo a presentar as súas propostas nas distintas seccións competitivas do certame.

As obras poderán enviarse de balde a través da plataforma en liña Shortfilmdepot, cumprindo cos requisitos técnicos e formais establecidos nas bases, entre eles un máximo de 60 minutos de duración, que fosen estreadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2026 e que non participasen noutras edicións do certame.

Cada persoa ou entidade poderá presentar tantas curtametraxes como desexe, sempre que cada unha delas se rexistre de maneira independente.

A listaxe de curtametraxes seleccionadas —tanto en competición como en seccións paralelas— farase pública nas semanas previas á celebración do festival.

Un espazo para a exploración cinematográfica contemporánea

Curtocircuíto mantén a súa aposta pola diversidade estética e narrativa, admitindo traballos sen limitación de xénero, temática ou lingua. As obras seleccionadas competirán nas seccións Cosmos, Planeta GZ e Supernova. A sección oficial Cosmos reúne propostas internacionais que exploran novos camiños do cinema contemporáneo; Planeta GZ está dedicada ás producións galegas; e Supernova céntrase en primeiras obras e novos talentos, favorecendo o acceso ao circuíto profesional.

A organización será a encargada de asignar a sección final de cada filme, independentemente da súa inscrición inicial, e cada obra poderá optar unicamente aos premios correspondentes á categoría na que participe, ademais do Premio do Público e do Premio do Xurado Novo.

Premios e recoñecementos

O festival contará cun amplo palmarés que recoñece tanto a excelencia artística como a innovación. Entre os galardóns destacan o Premio Cosmos á Mellor Filme (3.000 €), o Premio á Filme Innovador (1.000 €), o Premio GZ á Mellor Filme Galego (2.000 €), o Premio Supernova (1.000 €), así como o Premio do Público, o Premio do Xurado Novo e o Premio Especial Curtocircuíto Atlas, que distingue traxectorias relevantes no ámbito audiovisual

A decisión dos xurados, compostos por profesionais do sector audiovisual e cultural, será inapelable, e os premios daranse a coñecer na gala de clausura do festival.

Unha cita clave do cinema contemporáneo

Coa apertura desta convocatoria, Curtocircuíto reafirma o seu compromiso coa creación cinematográfica máis innovadora e co impulso de novas voces, consolidándose como un dos festivais de referencia no panorama internacional do cinema curto. Santiago de Compostela volverá converterse, así, nun punto de encontro para a experimentación audiovisual e o diálogo entre culturas a través do cinema.