

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá o martes 20 de maio, ás 20.30 horas, o concerto ‘Contos para arrolar un enxame’ unha carta branca á compositora Nuria Núñez Hierro que fía pezas desta autora con obras de Elena Mendoza, Lula Romero e Clara Iannotta.
O programa da noite inclúe a presentación de ‘Lo que se escucha dentro de un tornado’, unha das obras de Nuria Núñez Hierro que se ofrece en estrea absoluta no ciclo
O acceso ao concerto é de balde até completar a capacidade da sala.
O programa Contemporáneas conclúe temporada este martes, 20 de maio no Auditorio de Galicia co concerto Contos para arrolar un enxame, unha proposta que afonda na creación musical de vangarda da man do ensemble Taller Sororo e da compositora Nuria Núñez Hierro.
O conxunto conformado por Jesús Sánchez Valladares (frauta), Camilo Irizo (clarinete), Baldomero Lloréns (percusión), Ignacio Torner (piano), Alejandro Tuñón (violín) e Carmen Coronado (violonchelo), porá son a un programa que fai dialogar tres composicións de Nuria Núñez Hierro con outras obras estreitamente relacionadas coa súa traxectoria vital e estética e compostas por Elena Mendoza, Lula Romero e Clara Iannotta.
O concerto inclúe a estrea absoluta de Lo que se escucha dentro de un tornado, que a propia Núñez Hierro describe como: “un pequeno estudo que trata de imaxinar os sons que se producen no interior dunha gran columna de aire, onde se traza un mapa a través de diferentes texturas creadas con instrumentos preparados, sintetizadores e distintos obxectos que debuxan xeometrías vivas no tempo, como organismos que proporcionan coordenadas ao noso oído posibilitando a creación dunha vasta rede de conexións formais que moldean a memoria de cada oínte”.
Da mesma autora soarán tamén Alla ricerca disperata del sole (2014-2017) e Cartografías efímeras (2024), dúas pezas dunha creadora cuxo traballo explora o potencial da dualidade intérprete/instrumento a través de técnicas instrumentais estendidas, amplificacións e integración da voz. Nas súas obras, Nuria Núñez Hierro incorpora a miúdo obxectos sonoros con calidades escénicas para expandir as posibilidades expresivas dos intérpretes e investigar en novas formas de comportamento e comunicación co oínte. Os seus traballos deixan ver un forte vínculo coa natureza e os seres vivos e expoñen unha forma de pensar a música inspirada no estudo das redes de comportamento animal.
O programa inclúe ademais a obra Autonomous realities (2021), de Lula Romero, unha compositora que explora os fenómenos do espazo, o material, a estrutura e forma e o material sonoro en relación con teorías e prácticas de igualdade social e feminismo. Nas súas pezas Romero intenta que a música non sexa un mero obxecto de consumo ou arte decorativa senón portadora de significados con voz propia.
Tamén esa noite, o público do Auditorio poderá escoitar o Die Macht der Gewöhnheit (2014) de Elena Mendoza, a primeira compositora que obtivo o Premio Nacional de Música, en 2010, e que se constituíu como unha das voces máis interesantes da nova creación contemporánea europea. A súa música explora con grande imaxinación os timbres e a dramaturxia dos procesos formais, baixo os que subxace un continuo cuestionamento artístico da realidade.
Clara Iannotta pecha este ronsel de compositoras contemporáneas con Il colore dell’ombra (2010), unha obra que dá conta do carácter meticuloso dunha autora que afronta cada nova composición como un campo de experimentación para perfeccionar a súa propia linguaxe musical e os cuxos títulos sinalan determinadas etapas da vida ou circunstancias nas que se crearon. Iannotta déixase inspirar por impresións auditivas especiais, polos sons de campás e os seus espectros sonoros complexos, por fenómenos sonoros observados e imaxinados. Avalía eses sons co seu oído microscopicamente afinado, descubrindo nese proceso infinitas ínfimas gradacións no seu interior; encontra maneiras sorprendentemente complexas e precisas de escribilas e, coas súas habilidades compositivas, proxecta estes procesos nun formato accesible para o oído —e para a vista— e sorprende con fenómenos sonoros híbridos.
Así, Contos para arrolar un enxame tece unha cartografía sonora de compositoras que arrolan, sacoden e aguilloan o oído contemporáneo. O acceso ao concerto, que terá lugar ás 20.30 horas na Sala Mozart do Auditorio, é de entrada libre até completar a capacidade da Sala.
Contemporáneas: unha xanela á innovación sonora e artística
Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, o programa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña que reformula as anteriores Xornadas de Música Contemporánea para estendelas no tempo e manter unha xanela aberta ao longo do ano a novas sonoridades. O concerto Contos para arrolar un enxame pecha unha temporada que ofreceu de outubro a maio oito concertos de balde, con cinco estreas absolutas e tres composicións especificamente creadas para a ocasión.