Concerto da plataforma de creación musical Container #Galicia dentro das Xornadas de Música Contemporánea

Mañá martes 11 de xuño, as Xornadas de Música Contemporánea (que este ano se dedcan á Diáspora) celebraránse na Sala Capitol co concerto de CONTAINER #GALICIA, plataforma de creación musical de equipo artístico galego que realiza actividades en diferentes centros de produción de Europa e América Latina. Será ás 20.30 h con entrada libre ata completar capacidade da sala e previamente, ás 19.30 h, haberá un coloquio cos compositores Pedro González e Simon Steen-Andersen e a saxofonista Sara Méndez.

CONTAINER #GALICIA é unha plataforma de creación musical con actividades en diferentes centros de produción de Europa (Xenebra, Galicia, Extremadura, Valencia e Andalucía) e América Latina (Bos Aires e Uruguai). Centrada na realización de actividades ao redor damúsica experimental e a video-performance, Container Galicia nace co propósito de achegar á escena musical galega sistemas de produción e intercambio artísticos que xeren contextos propicios para a creación de novas estéticas musicais. O equipo artístico galego está composto por: Sara Méndez Arias, María Domínguez Pérez, Pablo Paz López e Pedro González.

Sara Méndez. Saxofonista e codirectora artística

Natural de Sober, onde iniciou os seus estudos musicais. Durante os seus estudos profesionais con Emilio Vázquez, Sara recibiu o Premio Extraordinario Final de Grao, antes de ser aceptada para estudar o Grao Superior no Conservatorio de Música das Illas Baleares (CSIB). Alí formouse no seo da Aula Internacional de saxofón Mallorca saxophone Studio cos profesores Rodrigo Vila e David Brutti. Sara continuou os seus estudos no Royal College of Music de Londres, onde fixo un Mestrado en Performance co profesor Martin Robertson e unha bolsa da Big Give Awards.

Especializada en música contemporánea, actualmente está perfeccionando a súa formación dentro do programa Manama, da man dos ensembles Ictus, Spectra e o KASK Conservatorium (Ghent). Interesada no repertorio experimental, a improvisación e a interacción entre as distintas disciplinas artísticas, desenvolve programas que van desde a performance ata a inclusión da videocreación. 

Sara foi gañadora do concurso de Música Contemporánea do Royal College of Music do ano 2018. Asistíu á edición de 2018 do Darmstadt Ferienkurse für Neue Musik, na clase de Marcus Weiss. Participou en festivais como Ear to the Ground, SLOW Festival, Parcours musicaux da Ópera de Lille, Festival ME_MMIX e no Mallorca Saxophone Festival dende a súa cuarta edición (2012). Tamén colaborou con orquestras sinfónicas como a RCM New Perspectives, RCM Contemporary Opera Orchestra ou a Orquestra Sinfónica das Illess Balears. A súa actividade concertística levouna a Reino Unido, Bélxica, Francia, Alemaña, España, Portugal e Tailandia. A súa formación foi enriquecida polo consello de músicos como Jean-Marie Londeix, Marie Bernadette Charrier, Marcus Weiss, Lars Mlekusch, Simon Diricq, Fritz Hauser, David Helbich, Mauricio Sotelo, Xesús Torres, François Rosse, Christian Lauba e Alberto Posadas. Actualmente, Sara forma parte de G.A.M.E Ensemble e Container Galicia, plataformas nas que desenvolve programas comprometidos coa música de nova creación.