Compostela Cultura inaugura cos concertos de Leticia Rey e emmy Curl o ciclo ‘Fiestra aberta’

O Teatro Principal acollerá o venres 12 de decembro a presentación en Santiago de ‘Danza Luz’, o último traballo da artista galega
A transmontana emmy Curl tomará o relevo nese mesmo escenario o sábado 13 para interpretar os temas do seu disco ‘Pastoral’
Ambos os concertos son de balde previa retirada de convites dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural
 

No marco da programación especial de Nadal, Compostela Cultura abre as portas do Teatro Principal a dúas noites de música que dialogan coa emoción, coa raíz e coa diversidade de sons. Os días 12 e 13 de decembro, os concertos de Leticia Rey e emmy Curl centran a axenda musical da cidade cunha proposta artística que invita a escoitar con calma e transformar o íntimo nunha experiencia compartida. Ao tempo, estes dous recitais erguen o pano do ciclo Fiestra aberta, un programa de eco rosaliano que convida a gozar dun ronsel de propostas singulares que poñen en relación a produción galega con ollares e enfoques doutras contornas unidas polo seu gran valor musical. Coa “fiestra aberta” que nos deixou Rosalía de Castro como lugar desde onde se realiza este diálogo co mundo, o ciclo acolle voces singulares doutras culturas e espalla as creacións de noso. Unha xanela desde onde ollar o mar de diversidade que nos arrodea.  

Leticia Rey: a sombra como territorio artístico

A cantora e compositora galega Leticia Rey, orixinaria de Vila de Cruces e residente na Coruña, tomará o escenario do Teatro Principal o venres 12 de decembro ás 20.30 horas cun directo performático que expande os límites do concerto tradicional. Cunha base técnica clásica e un estilo no que dialogan jazz, pop, psicodelia e folk, a artista mergullará o público no universo de Danza Luz, un traballo integramente en galego nacido da transformación do sufrimento e centrado nun motivo tan antigo como inesgotable na historia da arte: a sombra.

Para facer medrar este concepto no escenario, Leticia deseña unha proposta multidisciplinar que integra música, danza, escenografía, vestiario e iluminación, acompañada por un equipo artístico de primeiro nivel: Iago Mourinho, no piano; Vadím Yuchnevich, ao acordeón; Benxamín Otero, no corno inglés; Estefanía Gómez, na dirección escénica e dirección de movemento; Nacho Martín, na iluminación; e Carolina Díguele, na escenografía.

O resultado é un espectáculo vivo, artesanal e profundamente colaborativo, que aposta pola creación local e pola emoción como forza transformadora.

emmy Curl: unha viaxe contemporánea ao corazón do folclore transmontano

Criada nas altas montañas de Vila Real, emmy Curl recupera as melodías antigas do folclore transmontano e celta, devolvéndolles vida a través dunha estética contemporánea que respecta e actualiza o patrimonio musical portugués. O seu último traballo, Pastoral, recoñecido co Premio José Afonso 2025, é unha homenaxe á tradición, á coraxe e ao amor en tempos difíciles. Preséntase en concerto no Teatro Principal o sábado 13 de decembro ás 20.30 horas.

No espectáculo, a artista constrúe unha atmosfera envolvente na que complexas capas rítmicas e harmónicas dialogan coas raíces profundas do seu territorio. En Pastoral, o público é convidado a deixarse levar por unha paisaxe sonora que resoa como as voces das montañas que inspiraron o álbum. 

Entradas

Ambos os concertos son de balde, previa retirada de convites (máx. 2 por persoa). Están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h). En caso de existiren aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán retirar o propio día de cada concerto dende unha hora antes do seu comezo no despacho de billetes do Teatro Principal.