Compostela acolle o 27º Soundpainting Think Tank

Do 6 ao 13 de xullo, unha trintena de artistas internacionais daranse cita na capital galega para afondar nesta lingua de signos para a creación multidisciplinar en directo 
A Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo, será a anfitrioa do encontro
O programa inclúe sesións de traballo dirixidas a profesionais, alén de concertos e faladoiros de acceso libre para o público en diferentes puntos da cidade 
 

Do 6 ao 13 de xullo, Santiago de Compostela acollerá o XXVII Encontro Internacional de Soundpainters (Soundpainting Think Tank), unha cita que converterá a cidade no epicentro mundial desta linguaxe creativa. Máis de 30 artistas de diferentes disciplinas e procedentes de todo o mundo, participarán nesta nova edición do encontro.

De esquerda a dereita, María José Pámpano, integrante a OGL; Leese Walker, directora do Strike Anywhere Ensemble de Nova York; a concelleira Míriam Louzao; Xacobe Martínez Antelo, director da OGL; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da AGADIC; e o músico e soundpainter, integrante da Walter Thompson Orchestra, Rolf Sturm 

O soundpainting é unha linguaxe de signos creada hai 50 anos polo compositor neoiorquino Walter Thompson, deseñada para a creación multidisciplinar en directo. Esta técnica única constitúe o eixo central deste encontro que se desenvolve con periodicidade anual en distintas ciudades do mundo, e que en 2025 recala en Compostela da man da Orquestra Galega de Liberación e baixo a dirección artística de Xacobe Martínez Antelo. Ao longo destes días ofrecerá un intenso programa de actividades que combina sesións de traballo para profesionais e especialistas en soundpainting xa inscritos no encontro, con concertos e faladoiros abertos á cidadanía e con acceso libre até completar capacidade.

Compostela, cidade pioneira en Europea en acoller esta linguaxe hai 25 anos, volve situarse así como referente internacional, dando abeiro a este evento que contará coa participación de representantes de países como Estados Unidos, Suecia, Francia, Israel, Brasil, Turquía, Alemaña ou Galiza, entre outros.

O proxecto conta co apoio do Concello de Santiago (a través de Compostela Cultura), a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Sociedade General de Autores (SGAE) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), entre outras entidades colaboradoras.

Actividades profesionais e programación aberta

Durante a semana, as e os artistas participantes desenvolverán sesións privadas de formación e creación con Walter Thompson e coa Orquestra Galega de Liberación dirixida por Xacobe Martínez Antelo, tamén instrutor certificado en Soundpainting. Paralelamente, Compostela acollerá unha rica programación pública con concertos, faladoiros e intervencións artísticas en distintos espazos da cidade.

O concerto inaugural terá lugar o domingo 6 de xullo ás 20. 00h no Salón Teatro, coa Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Walter Thompson e Xacobe Martínez Antelo.

Entre o luns 7 e o xoves 10 de xullo, sempre ás 21.00 horas, desenvolveranse accións performativas en diversos locais do casco vello compostelán, como o Camalea, o Modus Vivendi, a Borriquita de Belem, ou a Casa das Crechas, protagonizadas por membros da OGL e soundpainters internacionais.

O venres 11, a Casa das Máquinas acollerá ás 20.00 horas o concerto de clausura do Soundpainting Think Tank, co elenco completo de participantes do encontro. A programación rematará o domingo 13 ás 13.00 h no CGAC, cun faladoiro que contará coa participación de Walter Thompson e de varios artistas convidados, e que concluirá cunha intervención musical do grupo Suelen Estar Quartet.

Todos os eventos serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos.

Programación aberta ao público

  • Domingo 6 de xullo | 20.00 h | Salón Teatro

Concerto de apertura coa Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Walter Thompson e Xacobe Martínez Antelo.

  • Luns 7 de xullo | 21.00 h | Camalea

Intervención musical con membros da OGL e soundpainters internacionais.

  • Martes 8 de xullo | 21.00 h | Modus Vivendi

Acción sonora con artistas do encontro.

  • Mércores 9 de xullo | 21.00 h | Borriquita de Belém

Nova sesión performativa co elenco internacional.

  • Xoves 10 de xullo | 21.00 h | Casa das Crechas

Intervención artística con músicos da OGL e soundpainters.

  • Venres 11 de xullo | 20.00 h | Casa das Máquinas

Concerto de clausura coa Orquestra Galega de Liberación e participantes do Think Tank.

  • Domingo 13 de xullo |13.00 h | CGAC

Faladoiro con Walter Thompson e artistas convidados + intervención musical de Suelen Estar Quartet.