Cineuropa vende 232 bonos do festival no primeiro día, o 64% a través do portal compostelacultura.gal

O Festival Internacional Cineuropa, que organiza o Concello de Santiago, implantou un novo sistema de vendas que permite a compra de bonos para 10 películas por internet. Desde onte ás 15:30 h, a través da páxina de venda de billetes municipal compostelacultura.gal é posible comprar entradas para todo o festival así como os clásicos bonos de 10 películas.

A primeira xornada de venda do festival saldouse cun resultado de 232 bonos vendidos, dos que o 36% se venderon no despacho de billetes e o 64% se venderon online. Constátase que a vella demanda do público de Cineuropa de poder canxear os abonos por internet era unha petición necesaria e que tivo o seu impacto na canle de venda escollida polos públicos.

Esta primeira xornada deixou un total de 4.634 entradas vendidas para os 133 pases de pago. Supón case un 20% das vendas estimadas totais en base aos resultados de edicións anteriores.

Por outra banda, aínda que en menor medida, houbo moito público que comprou as súas entradas no despacho de billetes do Teatro Principal e que tivo que facer cola de ata unha hora para adquirir os bonos e recoller os convites para a Gala Inaugural. Desde a organización do festival porase en activo para vindeiras edicións a posibilidade de reparto de convites por internet como segunda fase de implementación do portal compostelacultura.gal.

As máis demandadas

A sesión do Maratón Cineuropa vendeu máis do 50% do seu aforo destacando como un dos pratos fortes do festival. Os filmes máis demandados nesta primeira xornada foron: Dogman, The Guilty, Manbiki Kazoku, Mi obra maestra e Loro/Silvio e os outros.

MÁIS INFORMACIÓN
  • Este ano poden canxearse os abonos por internet por primeira vez na historia do festival, unha demanda das e dos asistentes que se puido materializar grazas á  nova plataforma de ventas compostelacultura.gal
  • Nesta primeira xornada vendéronse un total de 4.634 entradas, o que supón case un 20% das ventas estimadas totais en base aos resultados de edicións anteriores
  • Nunha segunda fase, na edición do ano que vén, o festival poñerá en marcha a posibilidade de retirar os convites por internet tamén para evitar xa de todo as colas no despacho de billetes.