Cineuropa estrea a súa segunda semana con 21 citas cinematográficas

A segunda semana do festival dará comezo con un nutrido e heteroxéneo conxunto de filmes para todos os gustos accesibles en 6 salas. A programación iniciarase ás 11:30 h. da mañá no Museo das Peregrinacións cun pase gratuíto de Computer chess, de Andrew Bujalski, filme pertencente á sección Cine e Xadrez. A programación deste interesantísimo ciclo débese á celebración do Campionato Mundial de Xadrez que se está a celebrar estes días na cidade.

O Teatro Principal  porá a funcionar o seu proxector ás 16 h. co último filme de Gustavo Biazzi, Los vagos, unha mirada cariñosa e nostálxica cara á adolescencia que quedou atrás, estampada naquel verán que aínda seguimos lembrando. De seguido, ás 17:45 h. exhibirase por última vez neste festival Bergman: a year in a life, de Jane Magnusson, o mellor documental para conmemorar o centenario do cineasta sueco. Tamén será o último pase de Utøya 22. Juli, de Erik Pope, a crúa e trepidante ficcionalización do peor día da historia recente vivido en Noruega. Ás 21:45 h. chegará o novo filme dese cineasta tan admirado por estes lares que é Jafar Panahi: 3 caras. O director iraniano volve denunciar a falta de liberdades do seu país, ao tempo que retrata con tenrura ás xentes amables e acolledoras do seu pobo.

Pola súa banda, o Salón Teatro comezará a súa xornada ás 16:30 h. coa exhibición de Luz obscura, da cineasta portuguesa Susana de Sousa Dias, un necesario documental implicado coa reescrita histórica do pasado recente portugués. De seguido, ás 18 h., dará comezo A illa do tesouro, un filme contextualizado nun centro de ocio preto de París, afable e optimista, belo e punzante a un tempo, que non se conforma coa celebración, simple, da convivencia interracial e multiétnica senón que constitúe unha profunda reflexión histórico-política da Francia actual. A programación desta sala completarase con novos pases de Entre dos aguas, do Premio Cineuropa Isaki Lacuesta (ás 20 h.), e a última comedia de Gastón Duprat, Mi obra maestra (ás 22:30 h.).

Na Sala 2 dos Multicines Compostela proxectaranse tres filmes realizados por mulleres que reflexionan sobre os procesos de resiliencia desde diferentes perspectivas. Trátase de Julia y el zorro (17:30 h.), de Inés María Barrionuevo, un drama sobre o dó non resolvido, Primas, o multipremiado documental de Laura Bari (ás 19:30 h.), e Marlina, asasina en catro actos, un western feminista dirixido por Mouly Surya.

Entre a programación exhibida no Museo das Peregrinacións, salienta Las olas, de Adrián Biniez, filme uruguaio protagonizado novamente por Alfonso Tort, actor que estivo hai uns días connosco. Trátase dunha viaxe fantástica a través dos recordos do seu protagonista que poderemos ver ás 20 h. Dúas horas antes pasarase Complexo SPK, un interesantísimo documental de Gerd Kroske sobre o Colectivo Socialista de Pacientes, unha organización esquerdista de pacientes psiquiátricos que combatía a medicina e aos médicos como inimigos de clase, vía o capitalismo como a causa das enfermidades físicas e mentais e usaba a enfermidade como arma contra a sociedade capitalista.

A programación do día completarase con varias proxeccións de carácter gratuíto exhibidas nos Multicines compostela, Sala Agustín Magán, Museo das Peregrinacións e a Sede Afundación. Toda a información sobre o programa está dispoñible no sitio web cineuropa.gal.