Cineuropa afronta a súa recta final co novo de Érick Zonca e Bruno Dumont

Este luns exhibiranse os últimos traballos de vellos coñecidos do festival como son os cineastas Érick Zonca e Bruno Dumont. Érick Zonca roubounos a alma hai vinte Cineuropas con A vida soñada dos anxos. O seu novo traballo, Fleuve noir, que poderemos ver no Salón Teatro ás 20:15 h., é un filme negro colosal e nihilista, dos que marcan. Pola súa banda, Bruno Dumont volve con outro dos seus filmes aloucados e surrealistas, como se fosen eternas celebracións cinematográficas. Trátase nesta ocasión do fascinante Coincoin contra os extraterrestres, que se pasará no cinema Numax ás 20:45 h. No mesmo Numax ás 17:30 h. poderán asistir ao primeiro pase dunha das máis fermosas películas do ano: Wiñaypacha (Eternidade), filme que o director peruano Oscar Catacora rodou en idioma aimará. Un cinema que captura o ser humano sen artificios: a ambición de Rossellini e que semella autoimpoñerse Catacora, logrando, fiel ao legado de Yasujiro Ozu, un retrato da vida humana transparente na súa crueza. Son noventa e seis planos fixos desposuídos de calquera outro recurso que o da imaxe e o son do ambiente para construír unha crónica desbordante de realidade.

Ás 19 h. poderemos conversar con Ana Domínguez a propósito da presentación do seu filme Os fillos da vide en Numax. Regresando ás súas raíces, Domínguez adéntrase nunha viaxe que vai do persoal ao ancestral a través dos ciclos da vida e das estacións, os viñedos, a vendima e o viño. Os ritos, os ritmos da natureza e as tradicións en perigo de extinción, mediante as paisaxes e de quen as habita, debuxan esta mirada na que etnografía e emoción se funden nunha revelación das correntes pagás e míticas das bacanais que son as festas populares, explosións de fertilidade e de vida.

Ao longo deste luns teremos tamén novas oportunidades de asistir ás proxeccións de exitosos filmes como a gañadora do Oso de Ouro de Berlín Touch me not, da romanesa Adina Pintilie (ás 16 h. no Salón Teatro); o elegante filme de horror In Fabric, de Peter Strickland (ás 20 h. no Teatro Principal); The kindergarten teacher, de Sara Colangelo, ás 18:15 h. no mesmo Principal; a divertida Non Fiction de Olivier Assayas, que se pasará por última vez neste festival no Salón Teatro ás 18:15 h.; ou a excelente distopía mexicana Cómprame un revólver, de Julio Hernández Cordón (no Principal ás 16:30 h). Tamén será o último pase de Loro / Silvio e os outros, o agardadísimo e exitoso filme de Paolo Sorrentino sobre o particular paraíso hortera e corrupto do ex primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, interpretado aquí por un sempre magnífico Toni Servillo.

Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal.

 

MÁIS INFORMACIÓN
  • 'Loro / Silvio e os outros', de Paolo Sorrentino, despídese este luns do festival.
  • Ana Domínguez visitará Cineuropa para presentar o seu filme 'Os fillos da vide'