Chega a Cineuropa a Palma de Ouro de Cannes: 'Un asunto de familia'

O cinema do veterano Hirokazu Kore-eda volve a este festival coa Palma de Ouro de Cannes entre as súas mans. Un asunto de familia (que se proxectará ás 18 h. no Teatro Principal) é, sen dúbida, o mellor Kore-eda dos últimos anos, unha película viva e corrosiva —con moito do cine de pícaros de Berlanga ou Ferreri—, sobre as singulares ocupacións dunha familia aparentemente convencional.

De seguido, ás 20:15 h. na mesma sala, proxectarase o primeiro pase de Mi obra maestra, o novo traballo de Gastón Duprat que vén de gañar o premio do público na Seminci. O filme, unha visión paródica do mercado de valores da pintura contemporánea, está protagonizado polos excelentes Guillermo Francella, Luis Brandoni e Raúl Arévalo. Ás 22:15 h, haberá unha nova oportunidade de ver Dogman, o último de Matteo Garrone, que precederá a Marlina, asasina en catro actos, da cineasta indonesia Mouly Surya, unha magnífica mostra de cinema reivindicativo cunha mensaxe directa de sororidade e emancipación feminina transmitida con moita forza.

Ás 16 h. no Teatro Principal exhibirase o último filme de animación de Mamoru Hosoda, Mirai, a miña irmá pequena, que inicia unha serie de proxeccións que Cineuropa programa en versión orixinal subtitulada para toda a familia.

Esta tarde contaremos coa presenza de Elías León Siminiani, que visita de novo este festival tralo éxito de Mapa. Apuntes para una película de atracos parte novamente do persoal para afondar nas catacumbas da cidade, onde se moven como peixe na auga os butroneiros. A cita con Siminiani será ás 20:15 no Salón Teatro. Ao rematar o encontro, comezará Leto, de Kirill Serebrennikov, unha nostálxica e potente película sobre unha banda de rock non Leningrado dos anos 80 que gozarán sen remedio.

A sala dúas dos Multicines Compostela acollerá ás 21:45 h. a estrea de O val das flores, un luminoso e emotivo filme sobre un particular núcleo familiar. Os noveis Réti László, campión de patinaxe nas Olimpiadas Especiais, e Berényi Bianka, celebridade de Instagram, interpretan con total naturalidade unha peculiar e fortuíta parella, tan libre como desorientada nun mundo sobrado de convencionalismos. Na mesma sala ás 19:45 h, pasarase por segunda e última vez neste festival a ópera prima de Sonja Prosenc, Historia de amor, un filme visualmente hipnótico e de potente banda sonora que reflexiona sobre a asimilación da morte dun ser querido. Ás 17:30 h. teremos unha nova oportunidade de achegarnos á figura do lendario Ingmar Bergman no ano do seu centenario da man de Jane Magnusson a través de Bergman: a year in a life.

A programación do día completarase con varias exhibicións gratuítas celebradas no Salón Teatro e a Sede Afundación. Toda a información sobre o programa está dispoñible no sitio web cineuropa.gal

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA SÁBADO 10

TEATRO PRINCIPAL

16:00 MIRAI NO MIRAI / MIRAI, A MIÑA IRMÁ PEQUENA Mamoru Hosoda

18:00 MANBIKI KAZOKU / UN ASUNTO DE FAMILIA Hirokazu Kore-eda

20:15 MI OBRA MAESTRA Gastón Duprat

22:15 DOGMAN Matteo Garrone

00:00 MARLINA, THE MURDERER IN FOUR ACTS / MARLINA, ASASINA EN CATRO ACTOS Mouly Surya

SALÓN TEATRO

16:00 STRAW DOGS / CANS DE PALLA* Sam Peckinpah

18:15 ARCTIC Joe Penna

20:15 APUNTES PARA UNA PELÍCULA DE ATRACOS Elías León Siminiani, con presentación e coloquio.

22:30 LETO / SUMMER Kirill Serebrennikov

MULTICINES COMPOSTELA (SALA 2)

17:30 BERGMAN: A YEAR IN A LIFE Jane Magnusson

19:45 ZGODOVINA LJUBEZNI / HISTORIA DE AMOR Sonja Prosenc

21:45 BLOSSOM VALLEY / O VAL DAS FLORES László Csuja

SEDE AFUNDACIÓN

17:30 WISH YOU WERE HERE / SE ESTIVERAS AQUÍ* David Leland

19:15 THE TRIP / A VIAXE* Roger Corman

Nota: as películas marcadas cun asterisco son con entrada libre.