A banda da Loba despide a súa xira Xabón Lagarta no Teatro Principal

Guadi Galego, Olaia Maneiro, de Tanxugueiras; e Ula e Mon, de Monoulious DOP, entre as artistas convidadas neste concerto especial do 28 de decembro

O Teatro Principal acollerá o xoves 28 de decembro  ás 20.30 horas o concerto co que A banda da Loba pecha a súa xira Xabón Lagarta. Será a despedida dun espectáculo que leva ao directo o seu cuarto traballo discográfico, estreado abril de 2022. Un traballo e unha posta en escena que se basea no universo vital das lavandeiras e que se detén nos lavadoiros como espazo de reflexión e insubmisión, como lugar onde tecer esa rede de coidados e afectos coa que enfrontar o día a día, onde poder expresar as preocupacións e os desexos máis prohibidos, rebelándose contra un sistema que “sabéndonos imprescindibles, nos nega dende a raíz”.

Promovido polo Concello de Santiago, este será un concerto moi especial, no que Andrea Porto Mato, Estela Rodríguez Carvalho, Inés Mirás Vieites, Marcela Porto Mato e Xiana Lastra Pernas, as cinco integrantes de A banda da Loba, estarán acompañadas de amizades que fixeron camiño canda elas durante esta última xira e tamén durante a vida da formación. Entre outras artistas, que acabarán de desvelarse nos vindeiros días, subirán con elas ao escenario Guadi Galego, Olaia Maneiro, de Tanxugueiras; e Mon e
Ula, de Monoulious DOP.

A banda da Loba vén de percorrer, ao longo dos últimos sete anos, todos os recunchos da xeografía galega e algunhas cidades do estado español, acadando unha recepción máis que positiva das súas músicas, nas que as mensaxes máis comprometidas se visten de ritmos diversos estilisticamente e melodías pegañentas, para cantar e bailar, sen deixar a ninguén indiferente.
Con este concerto fin de xira poñerán un punto e seguido na súa andaina musical para mergullarse, no vindeiro 2024, no proceso creativo do seu seguinte traballo  discográfico.

As entradas poden adquirirse na web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e no Teatro Principal o propio día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo).