Baldur Brönnimann e Amandine Beyer dirixen un novo concerto (EN)FOCO da RFG

O director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, e a violinista e arista en residencia da orquestra, Amandine Beyer, asumirán a dirección deste programa que contará ademais coa actuación do percusionista Juanjo Guillem e a colaboración do alumnado da EAEM

Obras de Henry Purcell, Peter Eötvös e Johann Sebastian Bach para unha viaxe do Barroco á contemporaneidade que arrancará o venres 16 ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. 

 Os (EN)FOCO son concertos comentados que procuran achegar ao público as chaves musicais das obras interpretadas nun ambiente distendido.

A Real Filharmonía de Galicia presenta este venres 16, ás 20.30 horas, na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia o segundo concerto da serie (EN)FOCO. Neste ocasión volverá soar o violín da artista en residencia desta tempada, Amandine Beyer, quen asumirá tamén a dirección do recital xunto a Baldur Brönnimann. O concerto contará ademais coa participación do percusionista Juanjo Guillem e coa colaboración do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM).

O programa tece un percorrido pola historia da música dende o Barroco ata o século XXI a través de composicións como Curtain Tune on a Ground de Henry Purcell; Speaking Drums de Peter Eötvös; King Arthur (Suite) de Henry Purcell e a Suite para orquestra núm. 3 en Re maior de Johann Sebastian Bach.

Os (EN)FOCO son concertos comentados que procuran achegar ao público as chaves musicais das obras interpretadas nun ambiente distendido. Nesta ocasión, ofrécense dúas modalidades de entrada: unha estándar para asistir ao concerto (10 €) e outra que inclúe, ao remate, un petisco e unha bebida na Lasso (18 €). Ambas as opcións están dispoñibles na web de compostelacultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h) e no despacho de billetes do propio Auditorio de Galicia dende unha hora antes do comezo do evento. 

Directora e violín
A directora e violinista Amandine Beyer ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barock Orchester, Akademie für Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.

Ademais, Beyer é unha apaixonada da ensinanza e a transmisión, polo que creou en 2017 unha academia de música de cámara e traballo corporal con Gli Incogniti. Tamén é convidada regularmente para impartir clases maxistrais por todo o mundo.

Juanjo Guillem á percusión

O percusionista español Juanjo Guillem é recoñecido internacionalmente pola crítica como un artista excepcional e versátil. Distinguido pola súa capacidade técnica e expresiva, interpretou concertos para percusión e orquestra de compositores como Takemitsu, Gubaidulina, Tan Dun, Jesús Torres ou Olivia Carrión-Arteta, e colaborou con prestixiosas formacións como a Orquesta Nacional de España ou a Sinfónica de Barcelona. Cunha profunda paixón pola música contemporánea, mantén un estreito vínculo con compositoras e compositores actuais e estreou máis de 50 pezas de autores de sona, contribuíndo de xeito decisivo ao desenvolvemento do repertorio para percusión.

Ademais da súa carreira como intérprete, Guillem é tamén compositor, pedagogo e promotor cultural. Desenvolveu proxectos como solista e en colaboración con artistas como Markus Stockhausen ou o cuarteto Arditti, actuando en festivais e salas de renome internacional. Foi fundador da Asociación Española de Percusionistas e é director artístico de ciclos como Ritmo Vital e Konekt@rte Sonoro. Como docente, impartiu clases en conservatorios superiores e escolas internacionais como a Manhattan School of Music ou o Royal College de Londres. Actualmente, é timbaleiro e percusionista principal da Orquesta Nacional de España e profesor en centros superiores como o Katerina Gurska e a Universidade Alfonso X.