Artur Ui, o ovo da serpe leva ao Teatro Principal unha alerta escénica sobre os autoritarismos

Talía Teatro presenta unha adaptación do clásico de Bertolt Brecht dirixida por Quico Cadaval, que poderá verse os días 26 e 27 de marzo ás 20.30 horas
 

 O Teatro Principal será escenario esta semana de Artur Ui, o ovo da serpe, a nova produción de Talía Teatro, unha proposta que revisita o universo de Bertolt Brecht desde unha mirada contemporánea, crítica e fondamente política. A obra representarase o xoves 26 e o venres 27 de marzo ás 20.30 horas, e ao remate do primeiro dos pases terá lugar un encontro co público, unha posfunción pensada para compartir impresións e afondar nas claves da montaxe.
Dirixida por Quico Cadaval, a peza constrúe unha lectura actualizada do clásico brechtiano, empregando os códigos do teatro épico para analizar os mecanismos de poder e as dinámicas que favorecen o auxe dos discursos autoritarios. Lonxe de se limitar a unha homenaxe, o espectáculo propón unha reflexión incómoda e necesaria sobre o presente, establecendo paralelismos entre o contexto histórico que inspirou a obra e as tensións políticas e sociais da actualidade.
Artur Ui, o ovo da serpe afonda así na natureza do fascismo e nas súas formas de emerxencia, suxerindo que aquilo que parece latente pode volver manifestarse se non se identifican e cuestionan as súas raíces. A ironía, o distanciamento e a potencia simbólica do teatro brechtiano convértense nesta proposta nunha ferramenta para interpelar directamente ao público.
O elenco está integrado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo, nunha posta en escena que combina interpretación, recursos audiovisuais de Marcos Ptt e música orixinal de Manu Abraldes. A dramaturxia corre a cargo de Quico Cadaval e Diego Rey, cun equipo artístico que se completa coa escenografía e iluminación de Dani Trillo, o vestiario e maquillaxe de Martina Cambeiro, dirección de movemento de Marcos Orsi e fotografía de Vanessa Rábade.
As entradas (12 euros, con descontos do 50% para diferentes colectivos) poden adquirirse de forma anticipada a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). De existir localidades aínda dispoñibles o día de cada función, poderanse mercar no despacho de billetes do Teatro dende unha hora antes do seu inicio.