Artes escénicas, visuais, poesía, música e contos no Festival C que se celebra en agosto en Compostela

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá na Casa do Concello o Festival C xunto ao deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto. O Festival C é o evento que vén celebrando nos últimos anos Compostela Cultura, a través do Auditorio de Galicia, para ofrecer unha programación variada e para todos os públicos ao longo do mes de agosto na cidade, maioritariamente na rúa. Todas as actividades serán de balde e van desde as artes escénicas e visuais ata a música, pasando polas letras con contos e poesía.

Luns de danza, martes de música e contos e mércores de circo e poesía

Os luns teremos danza no Cemiterio de Bonaval, sempre ás 20 h. O día 1 empezamos con ‘Emerxe’ de Galicia Danza Contemporánea que previamente, pola mañá,  ofrecerán tres obradoiros dirixidos a distintos públicos, para continuar o día 8 con ‘Meeting Point’ de Ertza, dentro do ciclo Danza a Escena. O luns 22 chega Elvi Balboa co seu ‘Nasenda’ e pechamos a programación de danza o día 29 con Vacaburra e a Ukestra do Medio que presentan ‘Extravíos’.

Os martes teremos música: o día 2 ás 20 h co ‘Tierra y LIbertad’ de Wilson Saliwonczyk na Alameda e o día 30 teremos tres eventos (unha conferencia, un concerto e unha sesión DJ) arredor da clausura de Cardinais, a Academia de Vertixe Sonora 2022, ao longo da tarde e en diferentes espazos da cidade.

E os martes tamén serán os días dos Contos no Parque, unha proposta do departamento de Lingua do Concello de Santiago dirixida aos e ás máis pequenas da casa. A cita será cada semana ás 18 h na zona dos arcos do parque de Bonaval e alí poderemos gozar o día 2 con Teatro Ghazafelhos e ‘A caixa sen Pandora’, o 9 coa ‘Roupa tendida’ de Xarope Tulú, o 16 con ‘Coser e cantar’ de Marta Ortiz, o 23 con A xanela do Maxín e o seu ‘Lúa quere viaxar a Marte’ para pechar o ciclo o día 30 con ‘Terra’ de Xogos Miudiño e ‘Orella pendella’ de Bea Campos.

Dentro das artes escénicas, ademais da danza, teremos unha ampla proposta de circo que concentramos os mércores. Todos os eventos serán ás 20.00 h e na praza da Quintana agás o primeiro, ‘Pelat’ de Joan Catalá que será en Bonaval, xunto ao CGAC, o día 4. Os outros serán o 11 ‘Poi’ da Compañía d’es Tro, o 18 ‘MLM (Mentir lo Mínimo)’ de Alta Gama e o 25 ‘Kaldi’ de Al Grano. Ademais, haberá como xa é habitual ‘Circo no parque’, os obradoiros de circo para nenos e nenas de 3 a 14 anos con Circonove. Serán no Centro Xove da Almáciga, tamén os mércores pero de 11.30 a 13.30 h e haberá que inscribirse previamente en circonoveoficina@gmail.com

Os mércores non só serán o día do circo, senón tamén da poesía coa proposta ‘Os fíos, as sementes’ que nos ofrece diversas voces ás 20.00 h no parque da Alameda, xunto á estatua de Lorca. O día 10 Alicia Fernández e Berta Dávila presentan ‘Poemas novos e vellos para un día de verán’, o 17 estará Jesús Castro Yáñez con ‘Seguir un rastro’, o 24 Isaac Xubín con ‘Non todo será silencio’ e pechamos o 31 con Cinta Adhesiva.