

O certame arrincou este martes coa estrea estatal do último traballo do cineasta vigués, que deu apertura a 5 días de proxeccións de cinema, espectáculos audiovisuais e encontros entre artistas e público.
O acto inaugural contou coa presenza do director e parte do equipo do filme, alén da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e numerosos integrantes da corporación municipal.
Lois Patiño, a actriz Irene Escolar, o actor José Díaz e o director do festival, Pela del Álamo, participan este mércores ás 12.00 h nun encontro aberto ao público no hotel NH Collection
Toda a información sobre as distintas sesións de Curtocircuíto, horarios e formas de acceso está dispoñible na web do certame e en compostelacultura.gal
A praza da Quintana acolleu a inaguración da 22ª edición de Curtocircuíto, coa estrea do filme Ariel, de Lois Patiño (Foto: AIGI BOGA)
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña e o ICAA, botou andar este martes na praza da Quintana cun acto inaugural que incluíu a estrea estatal do filme Ariel, do cineasta vigués Lois Patiño.
A película, protagonizada por Irene Escolar, Agustina Muñoz e intérpretes da compañía de teatro Voadora —Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz—, serviu así de limiar á 22ª edición deste certame, que se desenvolverá até o 6 de xullo en diferentes espazos da cidade.
Unha ateigada praza da Quintana deu abeiro a este acto inaugural que contou coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, do director do festival, Pela del Álamo, da produtora do filme Beli Martínez, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, da actriz protagonista Irene Escolar e do propio Lois Patiño, alén da presenza da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, de numerosos integrantes da Corporación Municipal, representantes das entidades colaboradoras e de boa parte do equipo da película.
Intervención da alcaldesa, Goretti Sanmartín, no acto inaugural da 22ª edición de Curtocircuíto (Pixelín Photo)
A alcaldesa puxo de relevo a volta de Curtocircuíto ao verán, nun novo formato que estende a programación ás rúas e prazas de Compostela, buscando o público "no corazón da cidade". Para Goretti Sanmartín, "Curtocircuíto tivo sempre esa aposta de ser un festival de vangarda, de considerar o cinema como esa construción lóxica de que a cultura é un dereito e, por iso, estivo e está sempre en diálogo cun público que é espectador, pero tamén creador". "Curto" —continuou a alcaldesa—"quere que poidamos abrir a nosa imaxinación, a nosa liberdade creativa, a exploración formal, para ver e para descubrir novas olladas de talento que demostren que, aínda que lle chamemos Curto, non hai nin formato pequeno, nin cinema pequeno".
Como responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González eloxiou tamén este novo modelo de Curtocircuíto, que permite "abrir o festival á cidade dun xeito moi distinto, com máis vida na rúa, máis tempo compartido e máis posibilidades de encontro", e destacou o seu “compromiso coa creación contemporánea, coa liberdade artística e co pensamento crítico".
Pola súa banda, o director do festival, Pela del Álamo agradeceu ás institucións e entidades colaboradoras o seu apoio a este certame "que pertence á cidade". "Este festival é voso", apuntou, "para que estea vivo precisamos do público, de todas e todos vós".
Lois Patiño presentou o seu novo filme, Ariel, en estrea estatal na praza da Quintana (Pixelín Photo)
O discurso dun emocionado Lois Patiño deu paso á proxección do filme na Quintana, que o cineasta considerou "un agasallo, que obriga a estar á altura da beleza, a espiritualidade e a enerxía deste lugar inigualable" e que, engadiu, "estou seguro de que vai subliñar e fomentar a experiencia sensorial do filme" .
Ariel é o último traballo do cineasta vigués, un realizador que mantén un estreito vínculo con Curtocircuíto, festival no que participou en diversas edicións. A inauguración do certame coa presentación de Ariel en Santiago constitúe a estrea en España do filme, que vén avalado por seleccións en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, FICCI en Cartaxena de Indias ou BAFICI en Bos Aires e que se presenta como unha das películas galegas do ano. Con esta estrea, Curtocircuíto mantén a aposta do festival por acoller os grandes títulos da creación galega contemporánea, como fixo noutras edicións con filmes como O Corno, O que arde ou Lúa vermella.
A película explora a obra La Tempestad de Shakespeare a través dunha viaxe da actriz Agustina Muñoz polas illas Azores. Ariel é unha reflexión sobre o concepto de liberdade desde o medo, a aventura e a dúbida.
Ariel dá, así, o pistoletazo de saída a seis xornadas de proxeccións e espectáculos audiovisuais que ofrecerán unha programación plural, arriscada e centrada no diálogo entre cine, arte, música e comunidade. O certame recupera a súa identidade orixinal, expandindo as salas para ocupar o espazo público com
A estrea de Ariel contou coa presenza de boa parte do equipo do filme e numerosos integrantes da corporación municial santiaguesa (Pixelín Photo)