Ametencia de filmes este luns en Cineuropa

26 é o número de propostas que contén a axenda de Cineuropa deste luns 19, con varios pratos fortes como Las herederas, de Marcelo Martinessi (Oso de Prata Alfred Bauer, Oso de Prata á mellor actriz e FIPRESCI na Berlinale), Un home fiel, de Louis Garrel (Mellor guión en San Sebastián), Non-Fiction, de Olivier Assayas, Cisne de cristal, de Darya Zhuk (Gran Premio no Festival Internacional de Cine de Odessa), ou The wild pear tree, de Nuri Bilge Ceylan.

Las herederas, de Marcelo Martinessi pasarase por vez primeira en Cineuropa no Teatro Principal ás 19:30 h. O filme acadou varios galardóns na Berlinale eo premio á mellor película latinoamericana no Festival de San Sebastián. Trátase dunha sensible e belísima historia da emancipación liberatoria dunha muller outonal que provocou certo escándalo e desaprobación cando se presentou no seu país, Paraguai, por tratar unha relación lésbica.

De seguido no mesmo Principal dará comezo ás 21:15 h. Un home fiel, de Louis Garrel, que recibiu o premio ao mellor guión (ex aequo) no pasado Festival de San Sebastián. Garrel, ademais de dirixir, exerce de protagonista interpretando a un tipo inseguro, zarandeado de modo non pouco sadomasoquista por dúas mulleres que din querelo pero que non fan máis que manipulalo ata a extenuación. O que resulta é un afiado relato a tres voces sobre o (des)amor, no que Garrel debuxa gozosos puntos de fuga entre Hitchcock e François Ozon. E decide que mellor deixar que sexa a nosa imaxinación a que peche todos eses labirintos sobre a natureza humana e o amor como enfermidade que deflagra sempre no outro.

Ás 22:45 h. o Principal acollerá a estrea do último do sempre benvido Olivier Assayas, que volve a este festival tras o éxito da arriscada Personal Shopper de 2016. Assayas volve a un terreno que domina, situando un grupo de personaxes intelectuais de mediana idade nun mesmo escenario, nun filme que se eleva, lonxe de lugares comúns, como unha comedia divertidísima.

Cisne de cristal, de Darya Zhuk, dará comezo ás 19:30 h. no Salón Teatro. Ambientada uns anos despois de que Bielorrusia obtivese a súa independencia, esta vibrante ópera prima, rodada nun opresivo 4:3 pero cun brillo na contorna e a paisaxe que parece construír unha ponte entre ese pasado lúgubre de liberdades cernadas e algo mellor que se intúe pero non se ve, é a amarga resposta dunha moza na vintena que creceu soñando con marchar, con abrazar a independencia propia, e non a recentemente conquistada pola xeración dos seus pais. Salpicada de humor moi fino, esta comedia negrísima, intelixente e feminista foi realizada por unha moza chamada Darya Zhuk: dese nome volveremos ter moi boas noticias.

A continuación, ás 21:15 h. asistiremos ao regreso dun veterano neste festival como é Nuri Bilge Ceylan. The wild pear tree é un acertadísimo achegamento aos conflitos que profundan nas diferenzas e na desigualdade na sociedade turca, a partir da brecha cultural e económica entre o campo e a cidade, a cicatriz xeracional expresada polas friccións constantes dese fillo millenial e os seus pais e irmáns que permaneceron na aldea. Dese choque de aparencia nimia, Ceylan vai esculpindo os perfís dunha sociedade enferma, bifronte, allea ás liberdades nin tan sequera formais. E faino noutro fresco poético de arte maiúscula.

Para non perder é tamén a cita que manteremos co cineasta belga Andrés Lübbert ás 19:30 h. no Museo das peregrinacións. El color del camaleón parte das súas mesmas reflexións sobre a complexa relación que mantivo toda a vida co seu pai, un home retraído e distante a quen nunca chegou a comprender. É por iso que emprende a rodaxe como unha viaxe psicanalítica para intentar entender (e recompoñer) o seu pai, un home que con tan só 20 anos foi secuestrado e adestrado mediante torturas e ameazas pola Central Nacional de Información (CNI) chilena, para converterse en alguén capaz de torturar e matar. Este honesto e valente documental, filmado entre Bélxica, Alemaña, Chile e Israel, fusiona documentos familiares como vídeos, gravacións de audio, fotografías e entrevistas para compoñer o complexo e intrigante quebracabezas dun home, Jorge Lübbert, que continúa lidando cos seus demos internos por aquilo que foi obrigado a facer. Unha estremecedora reflexión sobre a delgada liña que en ocasións separa a vítima e verdugo.

Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal

MÁIS INFORMACIÓN
  • A carteleira do festival para este luns está composta de 26 títulos
  • Andrés Lübbert visitará o festival para presentar 'El color del camaleón'