'As alumnas' leva a escena o retroceso da educación no franquismo e reivindica a figura de María Barbeito

Fina Calleja dirixe esta obra teatral de Culturactiva Produccións, escrita por Paula Carballeira e interpretada por Anabell Gago e Mónica Camaño. O Teatro Principal acollerá na fin de semana dúas funcións da peza: serán o venres e o sábado ás 20.30 horas

A axenda escénica de Compostela Cultura no mes de febreiro ábrese coa obra teatral As Alumnas de Culturactiva Producións, un espectáculo que se inclúe dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia e que conta con dúas funcións: o venres 2 e o sábado 3 ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Paula Carballeira recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por este texto que chega agora as táboas de Compostela baixo a dirección de Fina Calleja e no corpo e a voz de Anabell Gago e Mónica Camaño. A obra foi tamén recoñecida co Premio Follas Novas 2023 ao mellor libro de teatro e o Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade.

 

Mónica Camaño e Anabell Gago protagonizan As alumnas

As Alumnas afonda na figura da pedagoga galega María Barbeito e no enorme retroceso que o franquismo significou na educación da contorna estatal, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes protagonistas, Rosa e Elvira, dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra en 1970, representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, cuxas historias permiten analizar as transformacións sociais do momento. Atrás queda a infancia e o mundo que abriu para elas esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, afirman dende Culturactiva Producións.

As entradas para o espectáculo, a un prezo de 12 euros (6 euros cos descontos para os colectivos habituais), pódense mercar na Zona C (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas), na web de Compostela Cultura, ou no despacho de billetes do Teatro Principal (o día de cada función dende unha hora antes do seu inicio). Ao remate do pase do venres 2, o equipo responsable do proxecto participará nun faladoiro co público asistente.

O equipo

Fina Calleja é membro de Sarabela Teatro desde 1998. Recibiu os premios María Casares ao mellor texto adaptado polas versións teatrais de O Lapis do Carpinteiro e Sexismunda. Como actriz interveu en series como Padre Casares, e en montaxes teatrais como Margar no Pazo do tempo, Dáme veleno eu tamén soñar, Cósima, A Esmorga ou Ensaio sobre a cegueira. Como directora, é responsable de producións de Sarabela Teatro como A Torre da Homenaxe, O secuestro da bibliotecaria ou Proxecto Noeé; ou Rosalía de Culturactiva Producións.
Paula Carballeira adícase ao teatro e á narración oral desde 1994. Participou en diversos programas da TVG: Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia ou Rías Baixas. É membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612. Tamén dirixiu espectáculos de Talía Teatro como Mundos contados ou Rosa Caramelo e dirixiu e interpretou a proposta do Centro Dramático Galego para público infantil A cabana de Babaiagá. Como autora, destacan títulos como Carrapuchiña veloz, Movementos para trasnos e trastes, Radio Universo, Malicia, Vendetta ou Alicia & Alicia.
Mónica Camaño traballa desde 1980 como actriz e directora e, ao longo da súa ampla traxectoria participou en pezas como O charco de Ulises (Centro Dramático Galego) Defensa da Vila (Teatro de Ningures) Nacidas libres (Contraproducións) Rosalía (Centro Dramático Galego) ou A Señorita Xulia (Uvegá Teatro). Por outra banda no mundo audiovisual participou en Nación, Vivir sin permiso, Serramoura, Matalobos, As leis de Celavella, Terra de Miranda ou O lapis do carpinteiro.
Anabell Gago traballa desde 2000 como actriz e directora en pezas entre as que destacan NeP (Neorretranca e Postmorriña), Martes de Carnaval ou Noite de Reis co Centro Dramático Galego; Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos ou Manawee, de Matrioshka Teatro; Tokio 3 ou Super 8 con Voadora. Igualmente, no mundo audiovisual ten participado, entre outras, en Rías Baixas, Terras de Miranda e A Escoba.

 

MÁIS INFORMACIÓN

Prezo das entradas: 12 €

  • Descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.