Alba Galocha, Marina García López e Misha Bies Golas conforman o xurado oficial de Curtocircuíto

O xurado novo está composto por Vera Moreno, Diana García, Alba Bao, Andre Villar e Laura Mahía
Curtocircuíto arranca mañá coa estrea de Ariel, último filme de Lois Patiño, na praza da Quintana coa presenza do equipo
Máis de corenta filmes de dezasete países compiten nas seccións Planeta GZ, Supernova e Cosmos
A cineasta Lucile Hadžihalilović, Premio Especial Curtocircuíto Atlas
Laia Abril, Brais Revaldería, Guillermo Galoe, Oliver Laxe e Kandgding Ray protagonizan as sesión especiais do festival
 

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) inaugurase mañá coa estrea estatal de Ariel, o último filme de Lois Patiño. A proxección será ás 22h na praza da Quintana. Lois Patiño, Irene Escolar, a compañía Voadora (José Díaz, Hugo Torres e Marta Pazos) e a produtora Filmika Galaika acompañarán a estrea do filme. 

Ariel será o pistoletazo de saída a seis xornadas de proxeccións e espectáculos audiovisuais que ofrecerán unha programación plural, arriscada e centrada no diálogo entre cine, arte, música e comunidade. O certame recupera a súa identidade orixinal, expandindo as salas para ocupar o espazo público como escenario central, co obxectivo de xerar encontros entre artistas e cidadanía, nos que compartir procesos creativos, experiencias e reflexións.

Este ano o xurado oficial está formado pola actriz e artista visual Alba Galocha, a produtora de Sintagma Films Marina García López, coñecida por proxectos como Frágil equilibrio, Aunque es de noche ou Ciudad sin sueño e o artista plástico e fotógrafo Misha Bies Golas. O xurado novo está formado por Vera Moreno, Diana García, Alba Bao, Andre Villar e Laura Mahía. 

Curtocircuíto reafírmase como plataforma para o cinema máis innovador e comprometido, tanto galego como internacional. A súa Sección Oficial Cosmos inclúe 22 filmes procedentes de 17 países, entre eles obras premiadas en Cannes, Berlín ou San Sebastián, e conta cunha selección específica de pezas experimentais baixo o nome de Cosmos Explora.

A creación galega ocupa un lugar central coa sección Planeta GZ, que ofrece 11 títulos que exploran temas como a memoria, o corpo ou o territorio. A sección Supernova recolle os traballos de autoría nova e emerxente do país. Ademais, a sección Terra rende homenaxe ao cineasta Adrián Canoura, cun percorrido pola súa obra e unha charla visual especial.

O programa de espectáculos audiovisuais (AV) inclúe nomes internacionais como Martin Messier, Oliver Laxe, Kangding Ray, ou Amelie Duchow, ademais de talentos galegos como Carme López e Irene Sáenz. Destaca o Sirāt Live Soundtrack AV, unha proposta inmersiva e exclusiva que mestura cinema e música en directo na praza da Quintana o venres 4 de xullo. 

Curtocircuíto incorpora tamén encontros con figuras destacadas como Lucile Hadžihalilović, Premio Especial Curtocircuíto Atlas, que compartirá a súa obra co público e recollerá o premio o domingo 6 na gala de clausura do festival, que estará presentada por Nuno Pico (Grande Amore, Oh Ayatollah). Outros protagonistas do festival serán Lois Patiño, Irene Escolar, Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023, Brais Revaldería, que presentará unha sesión expandida sobre Fillos do vento, e Guillermo Galoe e Marina García López, que protagonizarán un encontro arredor do acto de filmar no espazo do outro, partindo da súa experiencia na rodaxe de Ciudad sin sueño. 

A programación complétase con DJ sets, sesións do Cineclube centradas no vídeo galego dos anos 80 e actividades paralelas que fortalecen a aposta de Curtocircuíto por converter o cinema nun acto colectivo e aberto, nun lugar de encontro entre público, artistas e cidade.

Venda de abonos e entradas

Os abonos, entradas e convites para a próxima edición de Curtocircuíto están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura, na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e no despacho de billetes do Teatro Principal (durante os días do certame). 

As entradas para as proxeccións custan 4 €. O prezo das sesións live AV no Teatro Principal é de 7 €. As Sesións Especiais son gratuítas previa recollida de convites (máximo 2 por persoa).  O acceso a todas as sesións no exterior é gratuíto.