Aberta a inscrición no laboratorio escénico ‘Tecer o corpo, habitar a sombra’, con Tânia Carvalho

O Colectivo RPM, en colaboración co Auditorio de Galicia, impulsa un laboratorio coa artista Tânia Carvalho dirixido a artistas do campo das artes performativas con interese de compartir unha experiencia colectiva arredor do universo artístico desta coreógrafa portuguesa
O encontro transcorrerá do 11 ao 14 de agosto e culminará coa presentación da creación colectiva resultante da experiencia no marco do Festival C de Compostela Cultura
A participación é de balde previa inscrición no formulario dispoñible na web do colectivo RPM e en compostelacultura.gal 
 

Tecer o corpo, habitar a sombra é o título do laboratorio que a recoñecida coreógrafa portuguesa Tânia Carvalho desenvolverá en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de agosto de 2025, impulsado polo Colectivo RPM en colaboración co Concello de Santiago a través do Auditorio de Galicia. A iniciativa está dirixida a artistas das artes performativas que desexen mergullarse no universo creativo dunha das figuras máis singulares da escena contemporánea europea.

O laboratorio terá lugar na Casa das Máquinas, e culminará cunha mostra aberta ao público nese mesmo lugar o 14 de agosto ás 20.00 horas, dentro da programación do Festival C de Compostela Cultura.

Un espazo para a creación colectiva

Durante catro días, Tânia Carvalho acompañará un grupo de entre 10 e 25 persoas nun proceso de experimentación escénica que toma como punto de partida dúas das súas pezas: A tecedura do caos, obra de referencia no seu percorrido, e Ventre do vulcão, en proceso de creación.

A través do traballo co corpo, a imaxe e a memoria, Carvalho propón un espazo onde o corpo é territorio de resistencia, tránsito e transformación, onde o ballet clásico se disgrega e reconfigura, e onde as sombras íntimas que habitan en nós se converten en material escénico. As sesións desenvolveranse de 11.00 a 18.00 horas cunha pausa entre as 13.00 e as 15.00 horas.

A convocatoria está aberta tanto a artistas profesionais como a persoas cunha base artística ou performativa previa, que poden realizar a súa inscrición a través do formulario dispoñible na web do Colectivo RPM e na de Compostela Cultura.

Tânia Carvalho: unha creadora transdisciplinar recoñecida internacionalmente

Coñecida principalmente como coreógrafa, cun percorrido de máis de dúas décadas de creación, Tânia Carvalho é unha artista multidisciplinar cuxo talento se estende a outras áreas como a música, o debuxo e o cinema, tanto en Portugal como no estranxeiro.

No universo coreográfico, Tânia Carvalho conta cun admirable portafolio, no que destacan creacións para compañías como o Ballet de l’Opéra de Lyon (Xylographie), a Company of Elders, en Londres (I Walk, You Sing), a Companhia Nacional de Bailado (S), a Companhia Paulo Ribeiro (Como é que eu vou fazer isto?), a Companhia de Ballet do Norte (3), Dançando com a Diferença (Doesdicon), o Ballet National de Marseille (one of four periods in time, ellipsis), Tanzmainz Company Tânia (Mysterious Heart), entre outras.

Ao longo da súa carreira foi galardoada con premios como o Premio Novos Creadores (2000), o Premio á Mellor Coreografía da Sociedade Portuguesa de Autores (en dúas ocasións) e, recentemente, coa condecoración como Chevalier de L’ordre des Arts et des Lettres outorgada polo Ministerio de Cultura de Francia.

Colectivo RPM: creación contemporánea con base en Galicia

RPM é un colectivo de artistas vinculadas á danza e ás artes vivas que promove proxectos de creación, investigación e visibilidade do sector desde Galicia. Entre as súas liñas de acción destaca Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas construído cunha rede de espazos colaboradores que acollen artistas galegas, estatais e internacionais anualmente.

A colaboración co Auditorio de Galicia materialízase cada ano nunha proposta de encontro coa comunidade artística e co público da cidade. Dende 2024, esta colaboración dá un novo paso coa apertura do laboratorio á programación municipal de verán, achegando ao público compostelán unha mostra do traballo realizado ao longo da residencia.