27 espectáculos de teatro, danza e circo conforman ‘Á escena!’, o programa de artes escénicas de Compostela para o primeiro semestre de 2020

A concelleira de Acción Cultural de Compostela, Mercedes Rosón, presentou esta mañá o programa ‘Á escena! Temporada de artes escénicas 2020’ que recolle 27 espectáculos de teatro, danza e circo para o primeiro semestre deste ano. Serán un total de 36 funcións que se desenvolverán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal desde o 16 de xaneiro ata o 4 de xuño. O programa faise en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC-Xunta de Galicia e cos programas Platea e Danza a Escena do INAEM-Ministerio de Cultura, ademais de co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Por iso, na rolda participaron tamén, ademais da concelleira e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o deputado da provincia da Coruña, Xosé Luís Penas.

Dentro dos espectáculos haberá tres estreas absolutas: ‘O mel non caduca’ de Ibuprofeno Teatro’; ‘Spotlight’ de Can Cun Quinqué; e ‘O mozo da última fila’ de Redrum Teatro. Participaron na presentación tamén representantes das tres compañías así como representantes de ‘O Montacargas’, espectáculo de Ainé Producións & Acusmaser Opus, co que se estrea esta temporada mañá mesmo, xoves 16 e o venres 17 de novo, no Teatro Principal.

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na web compostelacultura.gal así como no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado + días de evento de 18 a 21 h, ou desde 1h e media antes de que comece o espectáculo) e no do Auditorio de Galicia (desde 1h e media antes de que comece a función). O prezo das entradas é de 10, 12 ou 14 € (cos descontos habituais do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, estudantes e membros de familias monoparentais ou numerosas). Para os 5 espectáculos que se enmarcan dentro da programación infantil e familiar, o prezo será de 4 euros a entrada xeral existindo un Bono familiar mediante o cal se adquiren 4 entradas a 12 euros.

Programa ‘Á escena!’ 2020: EscenaGZ, TerritoriodasMulleres e Clásicos?

Os espectáculos están clasificados nas seguintes liñas temáticas: EscenaGZ, TerritoriodasMulleres e Clásicos?. Entre eles atopamos desde a diversa abordaxe que nos mostran de Shakespeare desde a comedia física do ‘Hamlet’ de Chapitô, pasando pola aposta polo grande formato de PT Excéntricas co seu ‘Medida x Medida’ ata a proposta máis “clásica” do ‘Macbeth. O ruido e a furia’ de Estudo Momento.

Outra das ligazóns mostra un interese polas temáticas que teñen a opresión da muller como protagonista, desde a violencia máis absoluta das propostas de Teatro do Atlántico con ‘A conquista da escola de Madhubai’ e El Pavón Teatro Kamikaze con ‘Jauría’, ata a falta de liberdade e opresión silenciosa en contextos pechados, familiares, de cotío que nos propoñen ‘Liberto’ de Marelas Producións, ‘Ana, también a nosotros nos llevará el olvido’ de Unahoramenos ou ‘Mrs. Dalloway’ de Entrecajas.

O ‘Leira’ de Nova Galega de Danza dialoga co ‘Erritu’ de Kukai Dantza, unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares dialogaron coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. E a relación da música e o movemento está presente en ‘Directo9’ de Pisando Ovos e ‘Mercedes mais eu’ de Janet Novás e Mercedes Peón, dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación desde a vangarda absoluta feita en Galicia.

Teremos a estrea absoluta de ‘O mel non caduca’ de Ibuprofeno Teatro’; ‘Spotlight’ de Can Cun Quinqué; e ‘O mozo da última fila’ de Redrum Teatro e a estrea en Galicia de ‘Deje su mensaje después de la señal’ de Tanttaka Teatroa. Poderemos ver ‘O Montacargas’ de Ainé Producións e Acusmaser Opus; ‘O electo’ de Contraproducións; ou o ‘Falar por Falar’ de Volta e Dálle. José Sacristán chegará a Compostela co seu ‘Señora de Rojo sobre fondo gris’; Aitana Sánchez Gijón’ con ‘Juana’ da man do Teatro Español e Losdedae; e Matarile Teatro presentará o seu ‘Daimon y la jodida lógica’.

Ademais, únense outros cinco espectáculos enmarcados tamén no programa En Familia e dirixidos a todos os públicos: O Concerto con fusión da Banda Municipal de Música con Píscore; ‘Só’ de Xampatito Pato; a Gran Gala do Circo de Compostela’; ‘ ‘Lar (la casa, el hogar)’ de Lasal Teatro e ‘Emportats’ de La Trócola Circ.

#posfuncion no Club C!

O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais. Aquí atopamos ata 13 #POSFUNCION, nas que unha vez cae o pano, membros da equipa técnica e artística debaten co público sobre o espectáculo e a súa temática.

 

Xurado Novo ‘Á escena!’

Este ano o departamento de Cultura de Compostela, xestionado desde o Auditorio de Galicia, pon en marcha por primeira vez o Xurado Novo ‘Á escena!’, experiencia que xa se celebrou dúas veces no festival Cineuropa. O obxectivo é achegar ao público máis novo ao teatro e fomentar o seu espírito crítico. Así, un grupo de mozos e mozas de ata 30 anos asistirán ás diversas funcións e participarán nas posfuncións para despois debater entre eles e elas e conformar un palmarés simbólico que se fará público ao final de temporada.

MÁIS INFORMACIÓN
  • Serán un total de 36 funcións desde xaneiro ata xuño, con programación especial para o público familiar e as entradas están xa todas á venda en compostelacultura.gal ou nas billeteiras da Concellaría
  • Ademais, haberá en moitas das propostas #posfuncion dentro do Club C! para que equipas das montaxes e público poidan charlar ao remate da función sobre a obra e a súa temática
  • Este ano ponse en marcha por vez primeira o Xurado Novo Á Escena! no que un grupo de mozos e mozas de ata 30 anos conformarán un palmarés que se fará público ao final de temporada