‘Romeo y Julieta despiertan...’, con Ana Belén e Jesús Noguero, chega esta fin de semana ao Auditorio de Galicia

A obra ofrece unha revisión da traxedia shakesperiana que abre o foco ‘A voltas cos clásicos’ da temporada escénica de Compostela Cultura. As entradas para as dúas funcións programadas, o venres 26 e o sábado 27 ás 20.30 horas, poden ser adquiridas en compostelacultura.gal e na Zona C ·Punto de Información Cultural

O Auditorio de Galicia programa esta fin de semana dúas funcións de Romeo y Julieta despiertan..., unha revisión da traxedia clásica shakesperiana a partir dun texto de Eberhard L. Petschinka que conta con dirección de Rafael Sánchez e as interpretacións de Ana Belén e Jesús Noguero, alén da música ao vivo de José Luis Torrijo (guitarra), Irene Rouco (violoncello) e David San José (piano e dirección musical).

Ana Belén e Jesús Noguero protagonizan 'Romeo y Julieta despiertan...' esta fin de semana no Auditorio de Galicia.

Este espectáculo de Entrecajas Producciones Teatrales e Teatro Español, encadrado no programa Platea do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), retoma e dá continuidade ao relato dos amantes de Verona a partir do suposto de que o seu final non foi a morte senón un longo letargo de 50 anos. “E así, o que sempre cremos que era o final da traxedia, é o comezo da verdadeira historia dos amantes máis famosos do mundo. Entre a felicidade de por fin poderen estar xuntos e a enorme tristeza de non ser quen de vivir unha vida enteira, xuntos os dous tentan pescudar como chegaron até aquí e que é o que aínda os une”, indícase na presentación da obra.

Ao espertaren, Xulieta e Romeo reflexionan sobre o amor e o paso do tempo, sobre a diverxencia entre a realidade e o recordo, sobre a identidade e o esquecemento. A través deste xogo adubado con notas humorísticas, a obra procura mover á reflexión sobre se a paixón, a inspiración ou a beleza son privilexios da xuventude. 

O espectáculo abre o Foco ‘A voltas cos clásicos’ da nova temporada escénica de Compostela Cultura, no que conflúen pezas que dialogan con algunhas obras teatrais consideradas canónicas para reinterpretalas e sometelas á unha ollada contemporánea. As entradas para as dúas funcións programadas, o venres 26 e o sábado 27 ás 20.30 horas, poden ser adquiridas a un prezo de 14 € (con descontos do 50% para diferentes colectivos) en compostelacultura.gal, na Zona C ·Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h) ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (o día da función dende 1 hora antes do seu inicio).
 

MÁIS INFORMACIÓN

As entradas para as dúas funcións programadas, o venres 26 e o sábado 27 ás 20.30 horas, poden ser adquiridas a un prezo de 14 € (con descontos do 50% para diferentes colectivos) en compostelacultura.gal, na Zona C ·Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h) ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (o día da función dende 1 hora antes do seu inicio).

LIGAZÓNS