‘Los Brutos’, do Centro Dramático Nacional, pecha o semestre escénico de Compostela Cultura

Roberto Martín Maiztegui escribe e dirixe unha montaxe teatral protagonizada por Javier Ballesteros, Ángela Boix, Francisco Carril, Olivia Delcán e Emilio Tomé
As entradas para a obra, programada o venres 27 de xuño, ás 20.30 horas no Teatro Principal están dispoñibles en compostelacultura.gal e na Zona C. 
 

O pano do Teatro Principal volverase erguer este venres, día  27 de xuño ás 20.30 horas, para a presentación de Los brutos, a primeira obra teatral escrita e dirixida por Roberto Martín Maiztegui, e producida polo Centro Dramático Nacional no marco do seu programa Residencias Dramáticas.

Los brutos convida a reflexionar sobre o paso do tempo e a memoria, sobre o prezo de reinventarse e a carga emocional que implica afastarse das orixes. A historia xira arredor de Nito, un mozo que decide estudar guión cinematográfico. No proceso de escribir sobre aquilo que ama —o seu barrio, os seus afectos, a súa xente—, vai descubrindo que a creación artística tamén implica perda, distancia e conflito coa propia identidade.

A montaxe ofrece unha posta en escena intensa e emotiva, cunha linguaxe escénica que combina o lirismo co realismo. A metáfora dos "brutos" —o material audiovisual sen editar— convértese así  nun potente símbolo do que deixamos atrás para (re)construírnos como persoas.

O elenco está formado por Javier Ballesteros, Ángela Boix, Francisco Carril, Olivia Delcán e Emilio Tomé, que interpretan múltiples personaxes nesta peza onde a comedia e a traxedia se entrelazan para dar lugar a un retrato xeracional afiado e cheo de sensibilidade.

O deseño escénico corre a cargo de Mónica Boromello, o vestiario é de Sandra Espinosa, o universo sonoro foi creado por Sandra Vicente, e a iluminación por David Picazo, conformando un espectáculo de estética coidada, onde o espazo se converte nun territorio de lembranza, ambición, conflito e desexo.

Con esta función, Los brutos achega ao público galego unha das montaxes máis impactantes da tempada estatal, cunha ollada honesta e valente sobre as tensións entre orixe e destino, lealdade e transformación que se revela como unha declaración de amor ao teatro.

As entradas para a obra (14€ con descontos do 50% para diferentes colectivos) poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal e na Zona C (aberta de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). De existiren aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do comezo da función.