‘Iribarne’ volve ao Auditorio de Galicia na súa xira de despedida

O multipremiado espectáculo de ButacaZero representarase este sábado, 6 de xuño, ás 20.30 horas, novamente coas localidades esgotadas
En coprodución co Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia revisa a figura de Manuel Fraga Iribarne en clave de humor a partir dun texto de Esther F. Carrodeguas dirixido por Xavier Castiñeira
Coa volta desta montaxe, que xa fora representada no Auditorio en xaneiro de 2024, Compostela Cultura pon ao ramo á temporada escénica deste primeiro semestre
 

Iribarne, o espectáculo de ButacaZero arredor da figura de Manuel Fraga, volve facer parada en Compostela dentro da súa xira de despedida. A función será este sábado, 6 de xuño, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia.

Escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira, a peza é unha coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. A montaxe propón unha revisión crítica, irreverente e profundamente teatral dunha das figuras máis determinantes da historia política recente, desde o humor e desde unha mirada contemporánea.

Tras a súa estrea e a súa ampla xira por Galicia e por diferentes cidades do Estado, Iribarne consolidouse como un dos grandes fenómenos do teatro galego dos últimos anos. O espectáculo foi o gran triunfador dos XXIX Premios de Teatro María Casares, nos que acadou 9 galardóns dos 12 aos que optaba, entre eles os de mellor espectáculo, mellor dirección para Xavier Castiñeira e mellor texto orixinal para Esther F. Carrodeguas.

A obra constrúese en tres episodios que percorren a evolución política do Estado, desde o franquismo e a Transición ata a democracia e o período de hexemonía de Fraga en Galicia. Non se trata, con todo, dun biopic nin dunha lección de historia, senón dunha proposta coral, frenética e chea de humor que se pregunta como chegamos ata aquí a través dun personaxe tan complexo como inabarcable.

O elenco está integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga, que se van dando o relevo para interpretar ao protagonista. A escena convoca episodios políticos, iconas pop e referencias culturais de distintas épocas, nun xogo teatral que combina memoria, sátira e reflexión.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, responsable do espazo escénico xunto a Xavier Castiñeira e tamén do vestiario; Diego Vilar, á fronte da iluminación; Pablo Fontenla, na parte audiovisual; Sabela Domínguez, na dirección de movemento; e Berto, creador do espazo sonoro e da banda sonora orixinal, que inclúe o tema WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

ButacaZero, plataforma creativa impulsada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, é hoxe unha das compañías de referencia do teatro contemporáneo galego. Con traballos como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Papagena, O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Iribarne, a compañía desenvolve dramaturxias feitas á medida nas que a investigación, a memoria e a linguaxe escénica contemporánea dialogan co presente desde unha ollada crítica e irónica.