

A Sala Ángel Brage do Auditorio acollerá ás 20.30 horas o último traballo da compañía vasca en colaboración co Centro Dramático Nacional, o Teatro Arriaga de Bilbao e o Teatro Victoria Eugenia de Donostia
Esta obra de teatro de máscaras para público adulto, dirixida por Iñaki Rikarte, fíxose cos Premios Max 2024 á mellor autoría teatral e mellor dirección de escena
As entradas para o espectáculo están dispoñibles xa na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e tamén se poderán adquirir no propio Auditorio o día do evento a partir das 19.30 h
A premiada compañía vasca Kulunka Teatro desembarca esta fin de semana en Compostela para presentar un dos seus proxectos máis recentes. Forever, un espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN), o Teatro Arriaga de Bilbao e o Teatro Victoria Eugenia de Donostia, representarase na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia este sábado, 15 de marzo ás 20.30 horas. Baixo a dirección de Iñaki Rikarte, que tamén se ocupa a dramaturxia xunto con José Dault, Garbiñe Insausti e Edu Cárcamo, a obra combina humor e ironía para explorar as contradicións do amor e os desafíos da vida familiar. Este espectáculo silente usa con mestría o potencial expresivo das máscaras para narrar, entre a crueza e a tenrura, a historia dunha familia que se afasta do que soñou que sería, abordando temas tan universais como a paternidade, a educación, a discapacidade, a sobreprotección, a sexualidade e a violencia. Con cada xiro da escenografía, a obra afonda na dor dos seus protagonistas e explora até onde pode levar a incomunicación dentro dunha familia ou dunha sociedade.
José Dault, Garbiñe Insausti e Edu Cárcamo conforman o elenco deste espectáculo cun equipo artístico de primeiro nivel que inclúe nomes como Ikerne Giménez e Javier Ruiz de Alegría no deseño de escenografía e iluminación, Ikerne Giménez no vestiario, e Luis Miguel Cobo na composición musical e espazo sonoro.
Recomendada para maiores de 14 anos, Forever destaca pola súa innovadora posta en escena sen texto, onde a linguaxe visual e corporal cobran un protagonismo absoluto. Con esta nova produción, gañadora de dous premios Max, á mellor autoría teatral e mellor dirección de escena, e dous Premios Talía, ao mellor espectáculo de teatro de texto e mellor dirección, Kulunka Teatro reafirma o seu compromiso coa innovación escénica e coa exploración de novas formas de comunicación teatral.
As entradas para o espectáculo (14€ con descontos do 50%) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do propio Auditorio o día do evento a partir das 19.30 h, sempre e cando existan aínda localidades dispoñibles.