‘A historia vaxenial’ leva á escena unha ollada humorística e crítica á representación das mulleres

O espectáculo de Raquel Nogueira e Iván Marcos distribuído por ARTYC Content preséntase este venres, día 6 de marzo ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela
Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles, que poden ser adquiridas en compostelacultura.gal, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal
 

O Teatro Principal acolle este venres 6 de marzo, ás 20.30 horas, a representación d’A historia vaxenial, un espectáculo de Raquel Nogueira e Iván Marcos que forma parte do foco ‘Escenas do presente’ da programación de Compostela Cultura e que se inclúe tamén no circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios. 

Interpretada pola propia Nogueira e dirixida por Marcos, a peza preséntase como unha comedia didáctica e irreverente que revisa, desde o humor, a retranca e a ironía, a maneira en que as mulleres e os seus corpos foron representados ao longo da historia da humanidade. A proposta combina información documentada e perspectiva de xénero cun ton áxil e desenfadado, achegando ao público unha reflexión crítica sobre os discursos históricos que condicionaron a percepción das mulleres.

A historia vaxenial propón unha viaxe escénica que comeza na prehistoria e percorre diferentes épocas que, dunha maneira ou doutra, foron relevantes para as mulleres.Ao longo deste percorrido aparecen tamén seccións recorrentes como o “Panteón de machirulos ilustres”, unha galería irónica na que se recuperan figuras históricas cuxos discursos ou teorías contribuíron a perpetuar ideas discriminatorias sobre as mulleres. Durante este itinerario, o espectáculo aborda cuestións como a relixión, a medicina, a histeria ou a violencia obstétrica, poñendo en diálogo o pasado e o presente nun relato que combina divulgación e comedia. A posta en escena intégrase con proxeccións audiovisuais e recursos performativos que reforzan a comprensión do público e o ton humorístico do texto. 

Lonxe dun ton exclusivamente dramático, A historia vaxenial constrúe un relato que alterna a risa coa reflexión para explicar como as mulleres pasaron, en distintos momentos da historia, de seren reverenciadas a silenciadas ou desprezadas polo simple feito de selo. A peza foi recoñecida co VI Premio Luísa Villalta 2024 a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña, un galardón que distingue propostas culturais que contribúen á promoción da igualdade de xénero.

Nogueira e Marcos coasinan a dramaturxia e a escenografía, ela ocúpase tamén do vestiario, coa asesoría de Uxía P. Vaello e el do deseño de vídeo. O equipo artístico complétase con Montse Pinheiro no deseño de iluminación e a asistencia artística de Borja Fernández, nunha proposta que combina palabra, imaxe e acción escénica para construír un relato áxil e accesible.

As entradas teñen un prezo de 12 euros e poden adquirirse a través da web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) ou no Teatro Principal o día da función desde unha hora antes do comezo. Existen descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.