Últimos días para presentar propostas ao Programa Didáctico de Compostela Cultura 2026-2027

A convocatoria, dirixida a profesionais das artes escénicas e musicais, procura conformar un abano de espectáculos co que achegar as artes ás comunidades escolares como parte do seu itinerario educativo
Admítense propostas de música, teatro, monicreques, danza e circo, dirixidas ao estudantado de educación infantil e primaria, ESO e Bacharelato
Os proxectos pódense presentar ata o 27 de abril a través do formulario habilitado da web de Compostela Cultura
 

O luns 27 de abril será o último día para a presentación de propostas ao programa didáctico de artes escénicas e musicais de Compostela Cultura correspondente ao curso 2026–2027. Esta iniciativa que convoca o Auditorio de Galicia con periodicidade anual busca achegar a creación contemporánea á comunidade educativa e reforzar o papel das artes como ferramenta de aprendizaxe e benestar. 

O chamamento diríxese a persoas físicas e xurídicas do sector profesional das artes escénicas e musicais, que poderán presentar unha única proposta por solicitante para cada categoría (escénica ou musical), acompañada da súa correspondente unidade didáctica, a través do formulario habilitado na web de Compostela Cultura. O programa está orientado a público escolar de educación infantil e primaria, ESO e Bacharelato, e abrangue disciplinas como música, teatro, monicreques, danza ou circo.

Os proxectos seleccionados integraranse nun programa municipal que contará tamén coa participación da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música e outras entidades colaboradoras, configurando unha oferta diversa e adaptada aos distintos niveis educativos. Alén da memoria artística e da proposta didáctica vinculada ao currículo educativo, as propostas deben incluír dous orzamentos diferenciados: un deles para a realización de dúas funcións nun mesmo día e outro para catro representacións en dous días consecutivos. Os espectáculos deberán representarse en galego, en horario escolar e en espazos escénicos municipais. Non se terán en conta os espectáculos que foran elixidos na última campaña didáctica 2025-2026.

A selección correrá a cargo dunha comisión do Auditorio de Galicia que valorará, entre outros aspectos, a calidade e orixinalidade das propostas, a súa adecuación ao currículo educativo e a experiencia das compañías no traballo con público escolar. As unidades didácticas resultantes estarán dispoñibles en formatos dixitais abertos para a comunidade educativa na web de Compostela Cultura, reforzando así o acceso aos recursos e o seu uso no ámbito escolar.

As bases completas da convocatoria así como as instrucións detalladas de participación están dispoñibles na sede electrónica de Compostela Cultura 

Na edición de 2025-2026, o Programa Didáctico de Compostela Cultura chegou a máis de vinte mil estudantes dos centros de ensino galegos, dos cales arredor de 8.500 proceden de Santiago. Esta proporción, que corresponde a 45 centros de ensino da cidade e supera o 42% por cento do total de participantes, elévase ao 54 por cento ao considerar o estudantado do conxunto da comarca. A ampla e diversa oferta de espectáculos do programa combinou música, teatro, danza e monicreques, en propostas da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música de Santiago e outras de compañías como Caramuxo Teatro, Os Náufragos Teatro, Pedras de Cartón, Talía Teatro, Chévere, Redrum Teatro ou Pesdelán. A programación percorreu distintos eixos temáticos e linguaxes, desde a exploración da música como linguaxe e emoción en Playlist RFG ou o carácter participativo do Concerto Músico Máxico, até revisións escénicas do patrimonio literario como Quixote ou propostas que abordan cuestións sociais e contemporáneas como Bulebule, A derradeira leición ou Farra. Tamén tiveron presenza creacións dirixidas ao público máis novo, como Rato Pérez, Os contos do Lobicán ou Animalia, xunto a espectáculos que integran música e movemento como Entroidanzas ou Son salvaxe!. As actividades desenvolvéronse en sesións de balde adaptadas ás distintas franxas de idade e acompañadas de guías didácticas para o seu traballo previo nas aulas, reforzando así o papel destas propostas como ferramenta educativa e como espazo de encontro entre a creación contemporánea e a comunidade escolar.