Última fin de semana de Cineuropa: mesas debate, encontros, moito cine e o maratón

A programación deste venres no festival comezará cun necesario debate sobre a situación das mulleres tralladoras do sector audiovisual. O evento, que terá lugar ás 12 h. no Museo das Peregrinacións, terá como título: Mulleres creadoras: a situación no audiovisual galego e as experiencias noutros escenarios e nace coa intención de analizar a evolución do sector cinematográfico a diferentes niveis e desde as máis amplas perspectivas profesionais para concluír posibles liñas de acción nas que todas debemos implicarnos. As cineastas Anxos Fazáns, Jaione Camborda, María Ruido e a actriz Tamara Canosa conformarán a mesa, que será moderada pola tamén actriz e comunicadora Nieves Rodríguez.

A gran festa do cine de cada edición de Cineuropa que é o maratón, dará comezo ás 22:15 h. no Teatro Principal. Nesta 32ª edición serán 745 os minutos de cinema repartidos en 8 filmes: Border, de Ali Abbasi, What keeps you alive, de Colin Minihan, Ghostland, de Pascal Laugier, Santa Sangre, de Alejandro Jodorowsky, El gran amor del Conde Drácula, de Javier Aguirre, Síntomas, de José Ramón Larraz, Escalofrío, de Carlos Puerto, e un filme sorpresa.

Pero ao longo do día haberá tamén varias estreas. Ás 17:45 h. no Teatro Principal dará comezo The man who surprised everyone, dos rusos Natalya Merkulova e Aleksey Chupov, un filme imprevisible que se erixe en obra de emancipación, como un milagre entre Dreyer e o máis xenuíno e efectivo activismo LGTBI. A continuación, ás 19:45 h. no mesmo Principal, o novo de Bi Gan que cativou na sección Un certain regard de Cannes: Longa viaxe do día cara a noite. Con ecos de In the Mood for Love, a procura dun antigo amor percorre a película e, transcorrida unha hora, Bi Gan introduce os créditos como dun comezo. En efecto, asistimos a unha proeza iniciática: os 50 minutos restantes do filme son un único plano-secuencia no que o encontro dos amantes se respira como algo onírico, como un baile de ambos sobrevoando literalmente a realidade.

Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá ás 18 h. a estrea de Diane, de Kent Jones, unha viaxe o fondo da insatisfacción dunha muller que parece lastrada polos problemas dos seres queridos aos que coida, e que respira moito de elexía pola nai do propio cineasta.

Ao longo da xornada deste venres poderemos atoparnos con cineastas como Charlotte Serrand e Ángel Filgueira, que visitan Cineuropa para presentar os seus filmes: 1048 lúas e Sevilla y Gomorra. O Museo das Peregrinacións acollerá ambas as dúas proxeccións ás 20 h e 21:30 h respectivamente.

Poden consultar a programación completa no sitio web cineuropa.gal

MÁIS INFORMACIÓN
  • A gran festa do cine de cada edición de Cineuropa que é o maratón, dará comezo ás 22:15 h. no Teatro Principal.
  • Ao longo da xornada deste venres poderemos atoparnos con cineastas como Charlotte Serrand e Ángel Filgueira, que visitan Cineuropa para presentar os seus filmes.