Cineuropa estrea nova identidade no seu corenta aniversario cunha homenaxe á mirada do público

Do 6 ao 22 de novembro, o festival compostelán celebrará catro décadas de cinema cunha programación que reúne os grandes títulos da tempada internacional
A nova identidade visual conecta o cinema, Compostela e Europa e sitúa a ollada do público no centro da experiencia cinematográfica
Na súa 40ª edición, o festival organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, manterá a súa aposta por achegar outras cinematografías, ollares e formas de narrar
A programación inclúe películas premiadas en Cannes, Berlín e Venecia, xunto cos novos traballos de Mike Leigh, Nanni Moretti, Ryusuke Hamaguchi e Pawel Pawlikowski e o máis destacado do cinema galego
 

Cineuropa celebrará do 6 ao 22 de novembro a súa 40ª edición, unha convocatoria especialmente significativa que reunirá en Compostela unha ampla selección do cinema internacional máis destacado da tempada, xunto coas novas voces e as propostas máis agardadas do audiovisual galego.

Catro décadas despois do seu nacemento, o festival volverá converter as salas compostelás nun espazo de encontro coas cinematografías contemporáneas, combinando grandes nomes da creación autoral con filmes recoñecidos nos principais certames internacionais e estreas que permitirán descubrir en Galicia algunhas das obras máis relevantes do ano.

No marco desta celebración, Cineuropa renova a súa identidade cunha proposta que reivindica a súa historia, a súa vinculación coa cidade e, sobre todo, a capacidade do cinema para transformar a mirada do público.

Corenta edicións de cinema cara a novas formas de mirar

Desde aquela primeira edición de 1987, Cineuropa construíu unha relación singular con distintas xeracións de espectadoras e espectadores, que atoparon no festival unha oportunidade para descubrir outras cinematografías, achegarse a novas sensibilidades e compartir experiencias arredor da gran pantalla. Esa capacidade para ampliar horizontes e transformar a maneira de mirar o mundo é precisamente o punto de partida da nova identidade visual coa que o certame celebra a súa 40ª edición.

Deseñada polo estudio galego Costa, responsable tamén da imaxe da pasada edición, a nova marca conmemora a historia do festival e a súa vinculación con Compostela, ao tempo que reivindica a ollada crítica do público.

O elemento central do deseño é un ollo que recibe a luz da pantalla e a transforma en experiencia, unha representación da capacidade do cinema para espertar emocións, formular preguntas e abrir novas perspectivas sobre a realidade. No seu interior, unha estrela reúne tres referencias fundamentais para o festival: Europa, como territorio cinematográfico ligado ás súas orixes; Santiago, a través da estrela que identifica a cidade; e o brillo na mirada de quen descobre unha historia na pantalla. A combinación destes elementos dá forma a unha identidade que sintetiza a esencia de Cineuropa: un festival profundamente arraigado en Compostela, aberto ao cinema internacional e construído arredor da relación co seu público.

Fotograma de Fjord

Unha ollada ao mellor do cinema internacional da tempada

Esa vontade de abrir a ollada a propostas diversas mantense na presente edición. As seccións oficiais europea e internacional ofrecerán unha ampla selección das películas que marcaron a pasada edición do Festival de Cannes. Entre elas atópanse Fjord, de Cristian Mungiu; Minotauro, de Andrey Zvyagintsev; Fatherland, de Pawel Pawlikowski; All of a Sudden, de Ryusuke Hamaguchi; Coward, de Lukas Dhont; e Notre Salut, de Emmanuel Marre. A selección procedente de Cannes complétase con Moulin, de László Nemes; Nagi Notes, de Koji Fukada; e Teenage Sex and Death at Camp Miasma, de Jane Schoenbrun.

Cineuropa incorporará tamén outros títulos destacados da Berlinale, como Everybody Digs Bill Evans, distinguida co Oso de Prata á mellor dirección, e Rose, pola que Sandra Hüller recibiu o Oso de Prata á interpretación.

A 40ª edición contará, ademais, con novas películas de cineastas cuxas traxectorias están estreitamente vinculadas á historia do festival. É o caso do británico Mike Leigh, que presentará Tender Loving Care, recoñecida coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e anunciada como a súa despedida do cinema, e do italiano Nanni Moretti, de quen se poderá ver Sucederá esta noite, presentada na pasada Mostra de Venecia. A presenza destes cineastas reforza a aposta de Cineuropa por un cinema de autor que combina a renovación das linguaxes cinematográficas coa continuidade de traxectorias fundamentais.

Con esta selección, Cineuropa celebra corenta edicións mantendo a súa atención no cinema internacional máis estimulante, na diversidade das propostas autorais e na capacidade das películas para dialogar co presente desde diferentes contextos, linguaxes e experiencias.

A programación incluirá ademais estreas das grandes novidades do cinema galego, que se anunciarán nos próximos días e seccións que homenaxean a historia do festival e a do cinema mesmo.

Cineuropa é un festival desenvolvido polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura, que conta co apoio do Consorcio de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. A súa 40ª edición celebrarase entre o 6 e o 22 de novembro, reafirmando o compromiso da cidade cunha programación cinematográfica diversa, aberta a outras sensibilidades e formas de creación, e coa vontade de seguir transformando, película a película, a mirada do público.