Redrum Teatro estrea no Teatro Principal «Caídas», unha obra sobre a represión das mulleres durante o franquismo

A compañía galega presenta os días 22 e 23 de outubro, ás 20.00 horas, unha montaxe dirixida por Marián Bañobre que recupera a memoria das mulleres recluídas no Patronato de Protección de la Mujer
Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez e Raquel G. Crespo protagonizan unha montaxe que combina o teatro documental e a ficción poética para dar voz ás mulleres que sufriron a represión moral, o encerro e a privación de liberdade
 

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este xoves 22 de outubro, ás 20.00 horas, a estrea de Caídas, a nova produción de Redrum Teatro, que ofrecerá unha segunda función o venres 23 á mesma hora. Baixo a dirección de Marián Bañobre, a compañía galega leva á escena unha das realidades máis silenciadas da historia recente: a das miles de mulleres que foron recluídas en reformatorios e conventos baixo a tutela do Patronato de Protección de la Mujer, unha institución estatal que permaneceu activa entre 1941 e 1985.

Baseada no ensaio da xornalista Montse Fajardo e noutra documentación histórica, Caídas reconstrúe a realidade das denominadas «patronatas», mulleres que, sen teren cometido delito ningún, foron privadas de liberdade baixo o pretexto da súa protección e reeducación moral. Mozas pobres, nais solteiras, mulleres consideradas rebeldes ou simplemente denunciadas polas súas familias ou persoas da súa contorna acabaron sometidas a un sistema de vixilancia, castigo e control da moralidade feminina.

A montaxe propón unha viaxe pola memoria colectiva para recuperar as historias sepultadas baixo a moral nacionalcatólica e devolverlles a voz e a dignidade ás súas protagonistas. A través dunha dramaturxia asinada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, a obra transita entre o teatro documental e a ficción poética para abordar a atmosfera opresiva daqueles centros, o medo, a explotación laboral e o roubo de bebés, mais tamén a resistencia e os vínculos de solidariedade que xurdiron entre as mulleres recluídas.

A representación enmárcase no programa Compostela é Memoria, impulsado pola área de Memoria Histórica do Concello de Santiago para promover a recuperación, divulgación e reflexión arredor da memoria democrática. 

Catro actrices para reconstruír unha memoria silenciada

Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez e Raquel G. Crespo integran o elenco desta produción, na que catro mulleres de diferentes xeracións tecen unha rede de lembranzas e testemuños para reconstruír unha memoria colectiva marcada pola represión, a culpa e o silencio.

Entre o pasado e o presente, Caídas explora os mecanismos de control social exercidos sobre as mulleres e as consecuencias que deixaron ao longo de varias xeracións. O escenario convértese así nun espazo de memoria, denuncia e reparación, no que as experiencias individuais permiten reflexionar sobre as estruturas de poder e as formas de violencia que aínda perviven na sociedade.

A proposta escénica conta coa escenografía e iluminación de Laura Iturralde, o vídeo en escena de Álex Sampayo, a dirección de movemento de Marta Alonso, o espazo sonoro de Davide e o deseño de vestiario de Raquel G. Crespo. A axudantía de dirección corre a cargo de Toni Salgado.

Un teatro comprometido coa memoria e os dereitos das mulleres

Tras o impacto social e o recoñecemento acadado con Invisibles, Redrum Teatro continúa con Caídas a súa aposta por un teatro comprometido, con perspectiva de xénero e atento ás historias que permaneceron nas marxes do relato oficial.

A compañía concibe esta nova produción como un exercicio de memoria democrática e reparación histórica, que procura non só dar a coñecer unha realidade pouco difundida, senón tamén emocionar, remover conciencias e abrir espazos de reflexión e debate arredor dos dereitos das mulleres.

Baixo a premisa «É imposible obviar o que xa sabes», a obra reivindica a necesidade de romper o silencio sobre as experiencias das vítimas do Patronato de Protección de la Mujer e recoñecer a dignidade de quen sufriu durante décadas a represión institucional.

Entradas e información práctica

Caídas é un espectáculo en galego, recomendado para público adulto, cunha duración de 80 minutos. A estrea terá lugar o xoves 22 de outubro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, cunha segunda función o venres 23, á mesma hora. Tras este último pase haberá un encontro aberto co equipo artístico da montaxe.

As entradas teñen un prezo de 12 euros, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, con discapacidade, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas.

As últimas entradas dispoñibles poden adquirirse a través de compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C (de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas) e no do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo de cada función.