

A JONDE presenta dous proxectos simultáneos de música contemporánea xunto a integrantes do Klangforum Wien, coas directoras Júlia Cruz e Isabel Rubio, e músicos do Ensemble Modern, con cinco concertos en Santiago de Compostela e catro en Madrid
Interpretaranse 23 obras de compositoras dos séculos XX e XXI, entre as que figuran tres estreas absolutas de Nuria Núñez Hierro, Helena Cánovas e Carme Rodríguez, e catro estreas en España
A xira de concertos da JONDE inaugurará o ciclo Contemporáneas 2026/2027 en Santiago de Compostela con cinco concertos, do 20 ao 24 de outubro, que se celebrarán en tres espazos da cidade: o Auditorio de Galicia, a Casa das Máquinas e o Teatro Principal
Todos os concertos do ciclo serán de acceso gratuíto, previa retirada de convites
A Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), unidade dependente do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), inaugurará oficialmente o ciclo Contemporáneas 2026/2027 coa celebración de 5 concertos do 20 ao 24 de outubro en Santiago de Compostela, con dous proxectos simultáneos dedicados á música contemporánea, un en formato ensemble e outro de música de cámara, cun programa integrado por 23 obras de destacadas compositoras.
Os 52 músicos da JONDE, de entre 19 e 26 anos, 5 deles procedentes de Galicia, abordarán estes dous proxectos artísticos xunto a integrantes de agrupacións de referencia internacional. O proxecto ensemble de música contemporánea desenvolverase en colaboración artística e académica co prestixioso conxunto Klangforum Wien baixo a dirección de Júlia Cruz e Isabel Rubio, con dous concertos o 20 e o 24 de outubro no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal, respectivamente. Pola súa banda, o proxecto de música de cámara contará co liderado do recoñecido Ensemble Modern e coa celebración de tres concertos os días 21, 22 e 23 de outubro na Casa das Máquinas. Todos os concertos serán gratuítos, previa retirada de convite.
A proposta artística desta xira pon o foco na creación musical contemporánea de compositoras, a través dun repertorio que reúne obras de creadoras de distintas xeracións, procedencias e linguaxes estéticas, e que pon de relevo a riqueza e diversidade da música do noso tempo. Interpretaranse un total de 23 obras, entre elas tres obras encargadas especialmente pola JONDE ás compositoras Nuria Núñez Hierro, Helena Cánovas e Carme Rodríguez, e catro estreas en España de Elena Mendoza, Tania León, Olga Neuwirth e Younghi Pagh-Paan. Con este novo proxecto, a JONDE incorpora un amplo repertorio de música contemporánea á formación dos seus músicos novos, favorecendo o coñecemento de diferentes linguaxes e estéticas e o seu achegamento aos procesos de creación e interpretación.
Ambos os proxectos enmárcanse no quinto Encontro anual da JONDE deste ano 2026, que desenvolverá a súa actividade formativa desde o 14 de outubro no propio Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Durante estes días, a JONDE contará tamén coa presenza das compositoras Elena Mendoza, Nuria Núñez Hierro, Helena Cánovas e Carme Rodríguez durante os ensaios.
Como parte do seu Programa de Inclusión, o vindeiro 19 de outubro a JONDE recibirá un grupo de persoas usuarias adultas da Fundación Down Compostela, que manterán un encontro cos músicos participantes no Encontro e, posteriormente, asistirán a un dos ensaios da orquestra.
Tras o seu paso por Santiago de Compostela, a JONDE continuará a súa xira de concertos en Madrid, na Fundación Juan March os días 25 e 26 de outubro dentro do seu ciclo Jóvenes Intérpretes, e no Auditorio Nacional de Música os días 27 e 28 de outubro, no marco do ciclo Series 20/21 do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM).
Esta xira de concertos da JONDE realízase en colaboración coas seguintes institucións: Concello de Santiago de Compostela, Auditorio de Galicia, Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) e Fundación Juan March.
Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) © Michal Novak