CONTEMPORÁNEAS converte Santiago nun espazo de creación, encontro e descubrimento musical

A nova tempada reúne entre setembro e xuño algunhas das formacións internacionais máis destacadas da música actual coa nova creación galega e estatal
A JONDE desenvolverá en Santiago unha ampla residencia xunto ao Klangforum Wien e o Ensemble Modern, con cinco concertos e varias estreas absolutas
A colaboración coa USC, a participación da Banda Municipal e da Escola Municipal de Música e a presenza de formacións galegas reforzan a conexión entre investigación, formación, creación e cidadanía
O ciclo pon o foco na creación de compositoras, nas novas xeracións e no diálogo da música con outras linguaxes artísticas
 

CONTEMPORÁNEAS presenta a súa tempada 2026/2027 cunha programación dedicada á música dos séculos XX e XXI que fará de Compostela un espazo de encontro entre xeracións, estéticas e procedencias. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a directora artística da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), Ana Comesaña, presentaron este luns un programa que concede unha atención especial á creación galega, á obra de compositoras, ás estreas e á revisión de figuras fundamentais da música contemporánea.

A programación esténdese desde o 28 de setembro ata o 6 de xuño con 15 citas en diferentes espazos da cidade: o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Casa das Máquinas. Creación galega e internacional, repertorio dos séculos XX e XXI, formación de novas xeracións e diálogo da música con outras disciplinas conforman unha programación que reúne formatos e linguaxes moi diversas, con lugar para propostas escénicas, charlas-concerto e experiencias participativas.

De esquerda a dereita, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a directora artística da JONDE, Ana Comesaña, nun momento da rolda

Para Míriam Louzao, CONTEMPORÁNEAS «nace da vontade de facer da música do noso tempo un espazo de encontro: entre creadoras e intérpretes, entre diferentes xeracións e linguaxes e, sobre todo, entre a creación e o público. Queremos abrir as portas a novas formas de escoitar, descubrir e relacionarnos coa música». Neste sentido, a concelleira salientou que o ciclo quere ser algo máis ca unha sucesión de concertos, articulando arredor da programación procesos de creación, formación, investigación e intercambio.
Nese senso, a directora artística da JONDE, salintentou que «CONTEMPORÁNEAS é un ciclo espectacular que lle faltaba a unha cidade tan referencial como Santiago de Compostela. Para a JONDE é un privilexio formar parte del e atopar aquí, unha vez máis, un espazo ideal para desenvolver os nosos obxectivos pedagóxicos, artísticos e de acción social. Desde o primeiro momento en que dixemos que queriamos repetir, sentímonos na casa.»
A seguir, Míriam Louzao incidiu tamén na necesidade de rachar coa percepción da música contemporánea como unha expresión reservada a públicos especializados: «Queremos entendela como unha invitación á curiosidade. Non é necesario coñecer previamente as obras nin dominar unha linguaxe determinada; só é necesario estar disposto a escoitar»
A este respecto, Ana Comesaña apuntou cara o carácter transformador que esta proposta ten tamén para os músicos. En palabras da directora artística da JONDE, «temos a obriga de ser embaixadores da cultura do noso tempo, e a única maneira de facelo ben é coñecela, entendela e amala. Esta experiencia permite abrir novas liñas de pensamento, diversificar a mirada dos nosos músicos e músicas novas e, sobre todo, transformala

O ciclo, desenvolvido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña, conta coa colaboración do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura.

A JONDE regresa a Compostela na compaña do Klangforum Wien e Ensemble Modern. 

Un dos grandes acontecementos desta edición será a presenza en Santiago da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), que celebrará no Auditorio de Galicia o seu quinto Encontro anual de 2026. A partir do 13 de outubro, os seus 52 músicos, de entre 19 e 26 anos, traballarán en dous proxectos dedicados á música contemporánea xunto a integrantes de dúas das formacións internacionais de referencia neste ámbito: Klangforum Wien e Ensemble Modern. 

Este encontro formativo desembocará en cinco concertos entre o 20 e o 24 de outubro, no Auditorio de Galicia, a Casa das Máquinas e o Teatro Principal. A proposta estará especialmente centrada na creación de compositoras dos séculos XX e XXI e permitirá escoitar en Santiago obras de Tania León, Elena Mendoza, Olga Neuwirth, Kaija Saariaho, Younghi Pagh-Paan, Cathy Milliken, Hilda Paredes, Hannah Kendall, Amy Williams, Jennifer Walshe, Rebecca Saunders, Sofia Gubaidulina, Chaya Czernowin ou Unsuk Chin, entre outras. Inclúe ademais estreas absolutas de obras de Carme Rodríguez, Helena Cánovas e Nuria Núñez Hierro. 

O primeiro destes concertos, o 20 de outubro, reunirá á JONDE e Klangforum Wien baixo a dirección de Júlia Cruz, cun programa integramente formado por compositoras —Tania León, Elena Mendoza e Olga Neuwirth— e tres estreas en España. O 24 de outubro, no Teatro Principal, Isabel Rubio dirixirá un segundo programa da JONDE e Klangforum Wien con obras de Helena Cánovas, Nuria Núñez Hierro e Unsuk Chin, incluíndo dúas estreas absolutas.

Pola súa banda, a colaboración da JONDE co Ensemble Modern articularase en tres concertos consecutivos, os días 21, 22 e 23 de outubro na Casa das Máquinas. O primeiro reunirá obras de Kaija Saariaho, Carme Rodríguez, Younghi Pagh-Paan, Cathy Milliken, Hilda Paredes e Hannah Kendall, e incluirá a estrea absoluta de Unha estrela danzante, de Carme Rodríguez, encargo da JONDE. O programa do día 22 achegarase ás creacións de Amy Williams, Jennifer Walshe, Seyko Itoh, Malika Kishino e Ruth Crawford Seeger, mentres que o terceiro encontro, o 23 de outubro, reunirá obras de Rebecca Saunders, Sofia Gubaidulina, Nina Šenk, Chaya Czernowin e Ursula Mamlok.

Unha declaración de intencións como limiar da tempada

En 2026, CONTEMPORÁNEAS adianta a súa programación para ofrecer o luns 28 de setembro, ás 20.00 horas, na Sala Mozart, cun concerto extraordinario de Arxis Ensemble e a soprano Margarita Rodríguez, que servirá tamén para presentar a obra gañadora Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical da Deputación da Coruña, Sonora – unha fisura da poesía de Chus Pato, composta por Aitor Vázquez. O programa reunirá ademais composicións de Jacobo Gaspar, Morton Feldman e Rebecca Saunders.

O concerto funciona como unha declaración de intencións desta nova edición de CONTEMPORÁNEAS: a creación como territorio de memoria e risco, o diálogo entre diferentes xeracións, a atención á música galega e a vontade de situar no centro voces fundamentais da creación contemporánea. 

O ciclo continuará o 25 de novembro coa estrea absoluta de La geometría imperfecta del olvido, unha nova zarzuela en tres cadros de Sergio Camacho que combina voz, palabra, música e movemento para abordar a historia dunha familia fracturada pola migración e a ausencia. A produción forma parte dos resultados de The Lyrical Seed, proxecto europeo para a promoción do teatro lírico paneuropeo liderado polo Instituto de Investigación en Humanidades da USC a través do grupo Organistrum. 

Feldman, creación galega e novas xeracións

Outro dos fíos da tempada será o centenario do nacemento de Morton Feldman (1926-1987). O 15 de decembro, a pianista galega Elisa Vázquez Doval ofrecerá a charla-concerto Morton Feldman at 100, un percorrido pola evolución da súa escrita pianística e pola relación da súa música coas artes visuais e co expresionismo abstracto. 

A creación galega ocupará tamén un lugar central no concerto da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida por David Fiuza, o 2 de febreiro. Baixo a idea de Galicia como territorio vivo desde o que pensar e crear, interpretará Tomeza, de Magdalena Argibay; Choiva das Cíes, de Luis Serrapio; e Un rapaz da aldea, de León Durán, obra que dialoga coa literatura de Xosé Neira Vilas. As pezas de Argibay e Durán serán estreas absolutas.

O 16 de febreiro, Adhara Dúo ofrecerá Fíos sonoros, un percorrido por 75 anos de creación para violín e piano a través exclusivamente de obras de compositoras: Grazyna Bacewicz, Lera Auerbach, Reena Esmail e Kelly-Marie Murphy. O 9 de marzo, Frames Percussion abordará a música como experiencia sonora, visual e corporal con obras de Sarah Hennies, Raquel García-Tomás e unha estrea absoluta de Itziar Viloria.

O 31 de marzo, a Casa das Máquinas acollerá Echo, unha colaboración de Melos New Vocal Music Collective, Ensemble New Babylon e Vertixe Sonora que reflexiona sobre as cámaras de eco, as redes sociais, a desinformación, os mundos virtuais e a espacialidade a través de obras de Alexander F. Hooper, Ramón Souto e Rūta Vitkauskaitė.

Da nova creación á experiencia colectiva de In C

Na recta final da tempada, o Dúo Seiva presentará o 20 de abril Hidránxea, con catro estreas absolutas de Carme Rodríguez, Gloria Rodríguez Gil, Katrina Penman e María Mendoza Fernández. O proxecto combina creación contemporánea, innovación artística e compromiso coa igualdade de xénero.

O 11 de maio, o Trío Preseli, integrado pola soprano María Hinojosa, o trompista Simon Lewis e o pianista Daniel Pereira, presentará Espellos atlánticos, unha proposta que tende pontes entre Galicia e Gales a través de obras de Anthony Randall, Montserrat Lladó, Josep Guix, Gina Gillie, Gabriel Ordás e Claire Victoria Roberts.

A tempada pecharase o 6 de xuño na Sala Ángel Brage cun concerto participativo arredor de In C, de Terry Riley, unha das partituras fundamentais do minimalismo e unha das obras máis influentes da segunda metade do século XX. O Ensemble Música Práctica, integrado nesta ocasión por Fernando Buide, Joan Ibáñez, Manuel Lorenzo e Alejandro Sanz, compartirá escenario co alumnado da Escola Municipal de Música de Santiago. A propia estrutura aberta da obra, formada por 53 células musicais que cada intérprete percorre ao seu ritmo, converterá o peche de CONTEMPORÁNEAS nunha experiencia de cooperación, escoita e creación compartida.

Entradas 

Todos os concertos da tempada son ás 20.00 horas e a asistencia é de balde previa retirada de entradas que estarán dispoñibles dende este mércores ás 11 en compostelacultura.gal e na Zona C · Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1). En caso de existir aínda localidades dispoñibles o propio día de cada concerto, tamén se poderán recolle no espazo onde se desenvolve dende unha hora antes do seu comezo.

CONTEMPORÁNEAS 2026/2027 · PROGRAMACIÓN

  • 28 de setembro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Arxis Ensemble / Margarita Rodríguez
    Concerto extraordinario de presentación do Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical da Deputación da Coruña. Obras de Jacobo Gaspar, Morton Feldman, Rebecca Saunders e Aitor Vázquez. Inclúe a obra gañadora do XVI Premio Andrés Gaos, Sonora – unha fisura da poesía de Chus Pato. 
  • 20 de outubro · 20.00 h · Sala Ángel Brage, Auditorio de Galicia
    JONDE e Klangforum Wien / Júlia Cruz
    Obras de Tania León, Elena Mendoza e Olga Neuwirth. Tres estreas en España. 
  • 21 de outubro · 20.00 h · Casa das Máquinas
    JONDE e Ensemble Modern
    Obras de Kaija Saariaho, Carme Rodríguez, Younghi Pagh-Paan, Cathy Milliken, Hilda Paredes e Hannah Kendall. Estrea absoluta de Unha estrela danzante, de Carme Rodríguez, encargo da JONDE, e estrea en España de U-mul, de Younghi Pagh-Paan. 
  • 22 de outubro · 20.00 h · Casa das Máquinas
    JONDE e Ensemble Modern
    Obras de Amy Williams, Jennifer Walshe, Seyko Itoh, Malika Kishino e Ruth Crawford Seeger. 
  • 23 de outubro · 20.00 h · Casa das Máquinas
    JONDE e Ensemble Modern
    Obras de Rebecca Saunders, Sofia Gubaidulina, Nina Šenk, Chaya Czernowin e Ursula Mamlok. 
  • 24 de outubro · 20.00 h · Teatro Principal
    JONDE e Klangforum Wien / Isabel Rubio
    Obras de Helena Cánovas, Nuria Núñez Hierro e Unsuk Chin. Estreas absolutas de The crossing place of road and river, na nova versión realizada para a JONDE, e Metazoa, encargo da JONDE. 
  • 25 de novembro · 20.00 h · Sala Ángel Brage, Auditorio de Galicia
    La geometría imperfecta del olvido
    Estrea absoluta da nova zarzuela en tres cadros de Sergio Camacho. Con Esperanza Mara, Jacobo Rubianes, Pablo Martínez e Christian Borrelli. Dirección musical e escénica de Sergio Camacho. 
  • 15 de decembro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Elisa Vázquez Doval · Morton Feldman at 100
    Charla-concerto con motivo do centenario do nacemento de Morton Feldman, cun percorrido pola súa obra para piano. 
  • 2 de febreiro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela / David Fiuza
    Obras de Magdalena Argibay, Luis Serrapio e León Durán. Estreas absolutas de Tomeza, de Argibay, e Un rapaz da aldea, de Durán, esta última en diálogo coa obra de Xosé Neira Vilas.
  • 16 de febreiro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Adhara Dúo · Fíos sonoros
    Obras de Grazyna Bacewicz, Lera Auerbach, Reena Esmail e Kelly-Marie Murphy. Inclúe dúas estreas en España.
  • 9 de marzo · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Frames Percussion
    Obras de Sarah Hennies, Raquel García-Tomás e Itziar Viloria. Estrea en España de Lives (2) e estrea absoluta de Inventario de gustos, memorias y nostalgias, encargo de Frames Percussion.
  • 31 de marzo · 20.00 h · Casa das Máquinas
    Melos New Vocal Music Collective / Ensemble New Babylon / Vertixe Sonora · Echo
    Obras de Alexander F. Hooper, Ramón Souto e Rūta Vitkauskaitė, as tres en estrea en España.
  • 20 de abril · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Dúo Seiva · Hidránxea
    Obras de Carme Rodríguez, Gloria Rodríguez Gil, Katrina Penman e María Mendoza Fernández. Catro estreas absolutas.
  • 11 de maio · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
    Trío Preseli · Espellos atlánticos
    Obras de Anthony Randall, Montserrat Lladó, Josep Guix, Gina Gillie, Gabriel Ordás e Claire Victoria Roberts. Inclúe estrea en España e nova creación de encargo.
  • 6 de xuño · 20.00 h · Sala Ángel Brage, Auditorio de Galicia
    Ensemble Música Práctica / Escola Municipal de Música · In C
    Concerto participativo arredor de In C (1964), de Terry Riley, coa participación do alumnado da Escola Municipal de Música.