Compostela abre o seu patrimonio á cidadanía en dúas noites de visitas a espazos singulares, música e creación contemporánea

As Noites do Patrimonio arrancan este venres cun encontro con Roger Bernat e despregan o sábado un amplo programa de portas abertas, percorridos, concertos, obradoiros e propostas participativas
O Pazo de Xelmírez e a Torre da Carraca, Fonseca, San Martiño Pinario, a Casa do Cabido ou a Casa RIA abrirán as súas portas o sábado, nunha noite que terá un dos seus momentos centrais na praza da Quintana coa representación de La consagración de la primavera
 

Santiago de Compostela celebra este venres 11 e o sábado 12 de setembro unha nova edición das Noites do Patrimonio, iniciativa compartida co resto das cidades que integran o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. O Concello propón un amplo programa de actividades que convida a descubrir, percorrer e habitar o patrimonio compostelán desde unha perspectiva aberta, participativa e contemporánea.

A programación articúlase arredor de tres eixes —Patrimonio Aberto, Patrimonio ao Vivo e Patrimonio Agora— que amplían a propia idea de patrimonio. Á apertura dos grandes espazos históricos súmase o diálogo coa creación artística contemporánea e o recoñecemento das persoas, oficios e lugares que continúan construíndo o patrimonio cultural da cidade no presente.

Roger Bernat abre a programación este venres

As Noites do Patrimonio comezan xa este venres 11, ás 19.00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, co encontro Uti et Abuti (o uso e o abuso), protagonizado polo artista e director Roger Bernat.

Con acceso libre ata completar capacidade, a conversa abordará cuestións relacionadas co patrimonio e a herdanza cultural, así como coa capacidade da creación artística para interrogar, transformar e dar novos significados aos símbolos que recibimos.

O encontro servirá tamén como antesala da proposta que Bernat presentará o sábado na praza da Quintana: La consagración de la primavera, a súa reinterpretación da histórica coreografía creada por Pina Bausch en 1975 sobre a célebre partitura de Igor Stravinski.

A representación comezará ás 22.00 horas e propón unha experiencia na que o público, provisto de auro deixa de ocupar o lugar tradicional de espectador para formar parte dunha acción colectiva. Malia que as prazas para participar activamente

A cidade abre as súas portas

O sábado, as actividades enmarcadas no eixe Patrimonio Aberto permitirán acceder durante a noite a numerosos lugares singulares da cidade e coñecelos desde novas perspectivas.

Entre as propostas figura un percorrido guiado polo Pazo de Xelmírez e a Torre da Carraca, con pases cada vinte minutos entre as 20.00 e as 23.00 horas. A Casa da Troia ofrecerá tamén visitas guiadas, neste caso cunha atención especial ao centenario do pasamento de Alejandro Pérez Lugín.

A noite de portas abertas permitirá visitar igualmente o Colexio de Fonseca, onde poderá verse a mostra A Biblioteca América, un soño inaugurado en 1926; a igrexa de San Martiño Pinario-Museo Diocesano; e a Zona C, situada na antiga Casa do Concello.

A Casa do Cabido sumarase á programación coa apertura da exposición A cidade que se soñou a si mesma. Arquitectura rexionalista dos anos 20 e 30 do século XX. Pola súa banda, a Casa RIA, no antigo sanatorio de Santo Agostiño, abrirá excepcionalmente fóra do seu horario habitual e ofrecerá unha visita guiada ás 21.30 horas.

Música nas rúas e homenaxe a Pérez Lugín

A música terá tamén unha presenza destacada na programación. A Real Banda de Cadeiras Encartables iniciará ás 20.00 horas un percorrido desde a Porta do Camiño, levando a música por diferentes espazos da cidade histórica.

Ás 21.00 horas, na praza de Cervantes, os Troyanos de Compostela ofrecerán un concerto de homenaxe a Alejandro Pérez Lugín coincidindo co centenario do seu pasamento, reforzando así a conexión desta edición coa memoria cultural e literaria da cidade.

O patrimonio que se crea hoxe

O eixe Patrimonio Agora dirixirá a mirada cara ás prácticas artísticas e artesanais que continúan construíndo o patrimonio compostelán no presente.

Entre as 20.00 e as 23.30 horas abrirán as súas portas Mareiras-Espazo de Arte e os obradoiros de ourivaría de Kinga Haudek, Brigantia e Susi Gesto, achegando ao público os procesos de creación que se desenvolven actualmente na cidade.

Un patrimonio aberto, vivo e actual

As Noites do Patrimonio forman parte de Patrimonio C, a liña de acción cultural impulsada polo Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña para ampliar o acceso da cidadanía ao patrimonio, favorecer o seu coñecemento e protección e fortalecer os vínculos emocionais e simbólicos cos espazos da cidade.

As Noites do Patrimonio poñen así o ramo a seis días de programación arredor do patrimonio compostelán, iniciados o pasado luns coa Semana do Patrimonio Invisible. Dúas propostas complementarias que convidan a descubrir aquilo que habitualmente permanece oculto e, ao mesmo tempo, a activar os espazos históricos a través da cidadanía, da música, dos oficios e da creación contemporánea.

Compostela convértese deste xeito nun escenario no que pasado, presente e creación dialogan, convidando veciñanza e visitantes a mirar a cidade con outros ollos e a participar na construción dun patrimonio aberto, vivo e compartido.