

As dúas formacións compostelás protagonizarán o 25 de setembro no Auditorio de Galicia o concerto do quinto aniversario do proxecto, dirixido por Roberto Baltar e coa participación do musicólogo e xornalista Martín Llade
O proxecto, desenvolvido polos grupos GenPoB e GenVip do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), reuniu máis de 5.000 participantes, máis de 1.500 doantes e máis de 20.000 mostras biolóxicas
Dende o seu nacemento en 2022, Sensoxenoma evidenciou que a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas
A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela volverán compartir escenario o próximo 25 de setembro, ás 19.30 horas, no Auditorio de Galicia, para celebrar o quinto aniversario de Sensoxenoma, o proxecto pioneiro desenvolvido polos grupos GenPoB e GenVip do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que investiga como responde o organismo humano aos estímulos musicais.
Os detalles desta nova edición e os principais resultados acadados polo proxecto nos seus cinco anos de traxectoria presentáronse este xoves nunha rolda de prensa celebrada no IDIS que contou coa intervención da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao. No encontro, conducido pola coordinadora de Sensoxenoma, Laura Navarro Ramón, participaron tamén Antonio Salas Ellacuriaga, investigador principal de GenPoB; Federico Martinón-Torres, investigador principal de GenVip; Mª Luz Couce Pico, directora científica do IDIS; Ángel Facio Villanueva, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Lorena Añón, vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC; e Sabela García Conde, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia.
Baixo a dirección de Roberto Baltar, o concerto reunirá as dúas principais formacións musicais públicas da cidade e contará tamén coa participación de Martín Llade, musicólogo, escritor e xornalista, presentador de Sinfonía de la Mañana en Radio Clásica e Premio Ondas 2026. Como vén sendo habitual en Sensoxenoma, o programa musical manterase como sorpresa, precisamente para garantir as condicións do experimento e estudar a resposta do público ante os diferentes estímulos sonoros.
O Auditorio de Galicia volverá converterse para a ocasión nun gran laboratorio cidadán, no que a experiencia musical e a investigación científica acontecerán de maneira simultánea. Douscentos asistentes participarán como doantes, coa colaboración de doce asociacións de pacientes e das persoas voluntarias inscritas no proxecto. Recolleranse mostras de sangue, saliva e bágoas e estudarase tamén en tempo real a resposta emocional e psicofisiolóxica do público durante o concerto.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destacou precisamente esta singular confluencia entre cultura, ciencia e participación cidadá. «É difícil atopar unha imaxe máis clara do que significa Sensoxenoma: un auditorio no que, ao mesmo tempo, se fai música, se fai ciencia e se constrúe coñecemento coa participación da cidadanía», sinalou. Para Louzao, o proxecto exemplifica tamén unha concepción da cultura que «dialoga coa educación, coa investigación, coa saúde, coa innovación e, sobre todo, coa vida das persoas».
Cinco anos investigando a pegada da música no organismo
Sensoxenoma naceu en 2022 impulsado polos grupos GenPoB e GenVip, vinculados ao IDIS e á Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música de Santiago, o Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago e o Auditorio de Galicia. Nestes cinco anos, máis de 5.000 persoas participaron nos seus concertos, con máis de 1.500 doantes e máis de 20.000 mostras biolóxicas recollidas.
Os resultados obtidos permiten xa identificar respostas moleculares medibles á exposición musical. Entre os achados máis recentes figura unha resposta na expresión xenética de persoas con trastorno do espectro autista detectable xa aos 25 minutos de exposición á música, así como cambios reproducibles en 14 proteínas presentes nas bágoas. Cinco anos despois do inicio do proxecto, estas evidencias permiten avanzar no coñecemento da relación entre música, organismo e saúde. Como resumiu Míriam Louzao, «se algo nos ensinaron estes cinco anos é que escoitar música pode ser tamén unha maneira de facer ciencia».
Invitacións gratuítas desde o 15 de setembro
As invitacións gratuítas para asistir ao concerto poderán retirarse desde o 15 de setembro a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1). No caso de quedaren localidades dispoñibles o propio día do concerto, poderán retirarse tamén no Auditorio de Galicia desde as 18.30 horas.