

As intervencións de Breogán Xague, Aldara Vázquez Estévez e Raquel Álvarez, xunto co proxecto curatorial de Eva Antelo Mata e Andrea Mosquera, foron as propostas escollidas entre un total de 29 candidaturas
Nesta edición presentáronse 29 propostas, das que 24 concorreron na modalidade de creación artística e 5 na de comisariado, un volume de participación que volve evidenciar o interese que esperta esta convocatoria no ámbito da arte contemporánea.
Na modalidade de creación artística foron seleccionadas as intervencións Pedra na gorxa, pedra na man, de Breogán Xague; Ensaio sobre a vixilia. Traballo, tecido e mulleres, de Aldara Vázquez Estévez; e Outra vez, de Raquel Álvarez. A comisión de selección destaca na súa acta a gran solidez formal e conceptual duns proxectos que fomentan o debate e a reflexión crítica desde perspectivas diferentes, abordando cuestións como a lingua entendida como experiencia corporal e patrimonio material e inmaterial, a revalorización da arte téxtil galega desde unha óptica feminista ou a repetición como mecanismo de transformación e creación de novos significados.
A comisión valorou tamén a súa adaptación ao espazo expositivo da Zona C, a viabilidade orzamentaria, a capacidade de activar as pezas durante o período expositivo e o potencial para conectar con públicos diversos a través da arte contemporánea. Cada un destes proxectos contará cunha dotación económica de 4.000 euros para o seu desenvolvemento.
Na modalidade de comisariado, a proposta seleccionada foi Morar así, de Eva Antelo Mata e Andrea Mosquera. O xurado salientou o seu carácter transversal e investigador, ao propoñer unha reflexión sobre o acto de habitar entendido non só como a simple ocupación dun espazo, senón como forma de relacionarse co territorio a través do corpo e do son. A proposta reúne unha selección plural de artistas que afondan en cuestións como o tempo, a memoria, o territorio e os modos de habitar, convidando a pensar sobre a maneira en que herdamos, transformamos e construímos relacións máis conscientes co mundo que habitamos. O proxecto de comisariado contará cunha dotación económica de 6.000 euros, que deberá contemplar todos os custos asociados á súa execución.
As catro propostas pasarán a formar parte da programación expositiva da Zona C no período 2026-2027, consolidando este espazo como unha plataforma de apoio á creación contemporánea, á investigación artística e ao diálogo entre artistas, comisariado e cidadanía.
Proxectos seleccionados
Pedra na gorxa, pedra na man, de Breogán Xague (Vigo, 1999), parte da experiencia da aprendizaxe da lingua e da condición de neofalante para explorar as relacións entre linguaxe, corpo e materia. A través de instalacións escultóricas, sonoras e gráficas, o proxecto reflexiona sobre a perda e transformación das palabras, a transmisión lingüística e a memoria cultural, convertendo o espazo da Zona C nun lugar onde o son, a pedra e a linguaxe dialogan para reivindicar a lingua como un corpo vivo en constante construción.
Con Ensaio sobre a vixilia. Traballo, tecido e mulleres, Aldara Vázquez Estévez (Vigo, 2000) propón unha instalación que reivindica o tecido artesanal galego como práctica artística de pleno dereito. Inspirándose nas colchas, cobertores e traxes tradicionais, a artista establece un diálogo entre patrimonio, arte contemporánea e pensamento feminista para reflexionar sobre os coidados, o traballo invisibilizado das mulleres e a capacidade expresiva dos téxtiles como parte da identidade cultural galega.
No proxecto Outra vez, Raquel Álvarez (Vigo, 1998) presenta unha investigación sobre o concepto da repetición como unha forma de transformación máis que de reiteración. A través de instalacións, debuxos, esculturas e dispositivos participativos, a creadora converte accións e xestos cotiáns en arquivos visuais que cuestionan a idea de rutina e demostran que cada repetición incorpora novos significados, abrindo unha reflexión sobre a memoria, o rexistro e a experiencia do tempo.
Finalmente, o proxecto de comisariado Morar así, de Eva Antelo Mata (Wetzikon, Suíza, 1997) e Andrea Mosquera (Ourense, 1994) , reúne o traballo de oito artistas para construír unha reflexión colectiva sobre as múltiples formas de habitar o territorio. A exposición propón unha cartografía sensible na que corpo, memoria, son e paisaxe dialogan a través de disciplinas como a instalación, a videocreación, a fotografía, a danza ou a experimentación sonora, convidando a repensar os vínculos entre as persoas, o patrimonio e o espazo que compartimos.