A mente adolescente como territorio escénico: 'Firmamento', de La Veronal, chega ao Auditorio de Galicia

A nova creación de Marcos Morau propón unha viaxe entre a memoria, a imaxinación e o universo visual da cultura contemporánea
O espectáculo tomará o escenario da Sala Ángel Brage este sábado 25 de abril, ás 20.30 horas
As entradas (10 € con descontos dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e o día de cada evento no despacho de billetes do Auditorio de Galicia dende unha hora antes do pase
 

Tras a celebrada Sonoma, a peza mellor valorada polo público de Compostela Cultura na tempada escénica 2024-2025, a compañía catalá La Veronal volve ao Auditorio de Galicia o vindeiro sábado 25 de abril, ás 20.30 horas con Firmamento. Este espectáculo, dirixido e creado por Marcos Morau, preséntase como unha inmersión escénica na mente adolescente, un territorio atravesado pola memoria, a imaxinación e a construción da identidade.

Firmamento constrúe un universo visual e sonoro de gran potencia plástica no que danza, teatro, cinema e artes visuais conviven nun diálogo constante. A obra parte dunha mirada cara á infancia e á adolescencia como etapas de descubrimento e sobreestimulación, nas que se acumulan imaxes, preguntas e emocións que, co paso do tempo, configuran quen somos.

Neste sentido, o espectáculo propón unha pausa fronte ao ritmo acelerado da sociedade contemporánea: un espazo para observar, lembrar e reconectar coas preguntas esenciais. A escena convértese así nun territorio mutable, un labirinto de percepcións onde o real e o imaxinado se entrelazan, reflectindo a complexidade da mente humana.

Un universo escénico entre a ciencia ficción e a memoria

Recoñecida pola crítica como unha das creacións máis ambiciosas da compañía, Firmamento destaca pola súa capacidade para fiar múltiples capas de lectura. Elementos da cultura visual contemporánea, como a ciencia ficción ou o anime, conviven con referencias á cultura dos anos noventa, configurando un imaxinario que conecta xeracións e dialoga co público máis novo sen renunciar á profundidade.

Sobre o escenario, seis intérpretes —Àngela Boix, Jon López, Núria Navarra, Lorena Nogal, Marina Rodríguez e Shay Partush— desenvolven unha linguaxe corporal singular, característica do universo de La Veronal, na que o movemento fragmentado e enigmático se integra cun dispositivo escenográfico en constante transformación.

A proposta complétase cunha coidada dimensión sonora e visual: a música —que combina composición orixinal de Juan Cristóbal Saavedra con referencias como Laurie Anderson—, a escenografía de Max Glaenzel e o deseño de iluminación de Bernat Jansà constrúen unha atmosfera envolvente que amplifica a experiencia escénica.

Unha peza sobre o tránsito entre mundos

Entre o xogo e a incerteza, entre a infancia e a idade adulta, Firmamento explora ese «territorio de ninguén» no que se forxan as primeiras preguntas sobre a identidade e o lugar no mundo. A obra funciona así como unha ponte entre xeracións: un exercicio de memoria para o público adulto e unha invitación á imaxinación para os máis novos.

Esta produción de La Veronal co apoio do INAEM–Ministerio de Cultura de España e ICEC–Departament de Cultura da Generalitat de Catalunya conta cunha ampla rede de coprodutores internacionais —entre eles o Grec Festival de Barcelona, o Mercat de les Flors ou Chaillot Théâtre National de la Danse—, consolidando a proxección internacional dunha compañía que continúa a expandir os límites da danza contemporánea. A súa representación en Santiago enmárcase na programación de artes escénicas que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura, co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio da cidade.

Entradas

Á venda anticipada en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes), de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. O día da función, tamén  se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde unha hora antes do comezo.

O prezo é de 10 €, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.