Bota a andar no Auditorio de Galicia a mostra 'Antifémina' de Colita

A alcaldesa Goretti Sanmartín presidiu o acto de inauguración da exposición 'Antifémina. Colita' que contou tamén coas intervencións do director-xerente do Auditorio, Xaquín López, a directora de exposicións de La Fábrica, Ana Berruguete e o comisario da exposición, Francesc Polop

Nel estiveron tamén presentes a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e outras integrantes da corporación municipal, alén de representantes de entidades promotoras e financiadoras da exposición, como o Círculo de Bellas Artes e o Consorcio de Santiago

A mostra permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia ata o 1 de agosto, onde poderá ser visitada de luns a domingo con acceso de balde

 

A ollada insubmisa de Colita enche dende este mércores as paredes do Auditorio de Galicia. A sala de exposicións Isaac Díaz Pardo acolle xa a exposición Antifémina, unha proposta que recupera o proxecto gráfico que a fotoxornalista catalá realizou xunto á escritora Maria Aurèlia Capmany e que se converteu, co paso do tempo, nun dos referentes do feminismo visual da Transición.

A mostra, comisariada por Francesc Polop, director do Archivo Colita Fotografía, e coproducida por La Fábrica e o Círculo de Bellas Artes,forma parte da programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago e ofrece unha ollada crítica sobre a construción social da feminidade na España franquista.

O acto inaugural estivo presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e contou coas intervencións do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; da directora de exposicións de La Fábrica, Ana Berruguete; e do comisario da mostra. Nela estiveron presentes tamén a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a directora de programación e exposicións do Círculo de Bellas Artes, Laura Manzano; o director da área de exposicións e editorial de La Fábrica, César Martínez-Useros; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela, a responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio de Galicia, Chus Busto, e integrantes da corporación municipal.

Intervención da alcaldesa Goretti Sanmartín (Foto: Pixelín Photo)

Na súa intervención, Gorett Sanmartín apuntou que "Antifémina permítenos facer unha viaxe no tempo aos primeiros anos da Transición, cando aínda se repetían os modelos de feminidade impostos polo franquismo, e recuperar, a través das imaxes de Colita e das palabras de Maria Aurèlia Capmany, unha ollada desde as marxes que amplía o relato das mulleres daquela época". Para a alcaldesa "é un privilexio poder gozar en Santiago de Compostela dunha exposición como esta, que recupera unha obra que foi silenciada e que hoxe nos permite reflexionar, a través das imaxes e das palabras, sobre o feminismo, sobre a súa historia e sobre os retos que aínda temos por diante". 

 

Intervención de Ana Berruguete, directora de exposicións de La Fábrica, entidade coprodutora da mostra xunto con Círculo de Bellas Arttes (Foto: Pixelín Photo)

Ana Berruguete, directora de exposicións de La Fábrica, remarcou a importancia de "volver poñer estas fotografías sobre o muro e darlles contemporaneidade, porque, a pesar de ter cincuenta anos, seguen resoando na nosa sociedade e convidan a unha reflexión sobre discursos e estereotipos que aínda hoxe están moi presentes.”

Intervención do comisario da mostra e director do Archivo Colita Fotografía, Francesc Polop (Foto: Pixelín Photo)

O comisario da exposición e director do Archivo Colita, Francesc Polop, salientou "nesta exposición ides atopar, ante todo, fotografía: un percorrido pola mirada de Colita que constrúe un discurso feminista a partir de imaxes aparentemente normais, pero moi potentes, porque esa normalidade —esa realidade— é profundamente incisiva e revolucionaria”.

Detalle da nova edición do volume Antifémina, reetitado e 2021 por iniciativa da propia Colita coa asistencia de Francesc Polop (Foto: Pixelín Photo)

Publicado en 1977 e retirado do mercado pouco despois por ser considerado inapropiado para a España do momento, o volume Antifémina converteuse nun libro de culto que cuestionaba, con ironía e espírito crítico, os estereotipos da feminidade promovidos durante o franquismo. A exposición presenta agora este traballo por primeira vez en formato expositivo, como homenaxe póstuma a Colita e como reivindicación da súa ollada comprometida.

Máis de 130 fotografías organizadas en dez seccións constrúen un percorrido que aborda cuestións como a construción social da feminidade, os roles impostos ás mulleres ou as formas de representación do corpo feminino. A través destas imaxes, Colita ofrece un retrato plural e complexo das mulleres nun contexto marcado pola represión, o conservadorismo e a desigualdade.

Asitentes á inauguración da mostra (Foto: Pixelín Photo)

A mostra poderá visitarse até o 1 de agosto, de luns a domingo, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas (os días con eventos no Auditorio a sala de exposicións pecha ás 19.00 horas), con acceso libre e de balde. Ademais, o Auditorio ofrece un programa de visitas guiadas entre os meses de marzo e xuño, que permite afondar nas claves da exposición mediante percorridos comentados de aproximadamente 45 minutos, previa inscrición.

 

Detalle da nova De De esquerda a dereita, Xaquín López, César Martínez-Useros, Laura Manzano, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, Francesc Polop, Ana Berruguete, Mercedes Rosón e José Antonio Domínguez Varela (Foto: Pixelín Photo)