

O concerto celebrarase o xoves 26 de marzo ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e incluirá obras de José María Sánchez-Verdú, Béla Bartók e César Franck
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este xoves 26 de marzo, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, un concerto único en Santiago de Compostela baixo a dirección do seu titular e artístico, Baldur Brönnimann, coa participación do pianista Juan Floristán, considerado un dos intérpretes españois máis destacados da actualidade.
O programa abrirase coa estrea absoluta de Cárcel de amor, nova encarga ao compositor andaluz e Premio Nacional de Música José María Sánchez-Verdú, dentro do proxecto “Cometas”, unha iniciativa da RFG no marco do seu 30º aniversario. A continuación, interpretarase o Concerto para piano núm. 2 de Béla Bartók, unha das obras máis extraordinarias do repertorio concertante do século XX, de enorme esixencia técnica e expresiva, pouco habitual nos escenarios pola súa dificultade. Composta entre 1930 e 1931, destaca pola súa forza rítmica e pola variedade de sons e cores da orquestra, cunha estrutura moi equilibrada na que o comezo e o final gardan certa semellanza.
Na segunda parte, a orquestra interpretará a Sinfonía en re menor de César Franck, unha das obras capitais do sinfonismo francés do século XIX. Estreada en 1889, esta partitura amosa o dominio da forma cíclica do compositor, facendo reaparecer e transformar os seus motivos ao longo dos seus tres movementos, nun discurso que combina intensidade dramática e lirismo ata culminar nun final luminoso.
Antes do concerto, o público poderá asistir a unha nova edición do ciclo “Conversando con…”, que terá lugar ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Nesta sesión, Juan Floristán e o director Baldur Brönnimann compartirán co público as claves do programa, os desafíos interpretativos das obras e responderán ás preguntas dos asistentes.
Un dos grandes pianistas da súa xeración
Juan Pérez Floristán conta cun destacado palmarés internacional que o sitúa como unha das figuras máis sobresaíntes da súa xeración. Entre os seus recoñecementos máis relevantes figuran o Primeiro Premio e o Premio do Público no Concurso Internacional de Piano Arthur Rubinstein (2021), así como o Primeiro Premio e tamén o Premio do Público no Concurso Internacional de Piano de Santander Paloma O’Shea (2015), un dos certames máis prestixiosos do panorama pianístico.
A estes galardóns súmase o Primeiro Premio no Concurso Steinway de Berlín (2015), consolidando unha traxectoria marcada polo recoñecemento unánime de público e crítica. Ao longo da súa carreira, actuou en salas como o Royal Albert Hall, o Carnegie Hall ou a Elbphilharmonie de Hamburgo, e colaborou con orquestras e directores de prestixio internacional.
Cun repertorio que abrangue máis de trinta concertos para piano e orquestra, desde Mozart ata a creación contemporánea, Floristán combina unha sólida traxectoria interpretativa cunha intensa actividade pedagóxica e divulgativa, sendo na actualidade profesor na Fundación Barenboim de Sevilla e artista oficial Yamaha.
Entradas á venda
As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).