

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico desenvólvese entre o 10 e o 15 de marzo en Santiago de Compostela, con actividades no Museo do Pobo Galego, no Teatro Principal, NUMAX e a Fundación Granell
Organizada polo Museo do Pobo Galego, a MICE conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E)
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) abre este martes en Santiago de Compostela a súa XXI edición, que se desenvolverá até o 15 de marzo cunha programación que combina cinema, pensamento e procesos de creación arredor da antropoloxía visual e das prácticas contemporáneas do rexistro do real.
A sesión inaugural, que terá lugar hoxe, 10 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal, acollerá a presentación de Redeiras de A Guarda, unha peza creada especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio das redeiras, coa colaboración da artista visual Arancha Brandón. A obra constrúe unha experiencia sonora e visual baseada nos sons do propio traballo —o manexo das redes, as conversas, os silencios e o mar— e propón unha aproximación sensible a un oficio historicamente feminizado que durante décadas formou parte inseparable da vida dos portos galegos.
A inauguración complétase coa proxección de Psicoxeografía de Santiago de Compostela, unha peza de cinema experimental realizada no marco do obradoiro de iniciación ao cinema en 16 mm impartido por Pablo Useros e desenvolvido coa financiación da ECAM. Durante a semana previa ao festival, as persoas participantes achegáronse ao formato fotoquímico mentres percorrían e filmaban a cidade, construíndo colectivamente unha película sobre Santiago que será proxectada tamén en 16 mm na propia sesión inaugural.
Ambas propostas dialogan arredor dunha das liñas que atravesan esta edición da MICE: o interese polos procesos de creación e polo xermolo dos proxectos, atendendo á dimensión viva, experimental e colectiva das prácticas cinematográficas.
Home Movie Studio: recuperar o cinema doméstico
A programación inclúe tamén Home Movie, un estudo de investigación e creación centrado no cinema doméstico que traerá ao festival un servizo de dixitalización gratuíta de arquivos en formato Super 8.
A actividade desenvolverase o 12 de marzo no Museo do Pobo Galego, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Durante esa xornada, o equipo de Home Movie recibirá a todas as persoas que se acheguen coas súas películas familiares para realizar unha primeira dixitalización do material.
Ademais, ofrecerán pautas prácticas de preservación doméstica, con recomendacións sobre almacenamento, manipulación segura e coidados preventivos que permitan prolongar a vida destes arquivos nas casas da veciñanza.
O obxectivo é poñer á disposición da cidadanía os medios técnicos necesarios para viaxar pola memoria a través das súas propias imaxes familiares. Como peche da experiencia, cada participante poderá dixitalizar ata 15 metros de metraxe e levar consigo unha copia dixital dunha das súas películas.
Unha programación atravesada por múltiples miradas
Ao longo da semana, a MICE desenvolverá as súas seccións competitivas, un dos núcleos centrais do festival, nas que once películas dialogan coa antropoloxía visual e coas distintas formas contemporáneas de aproximación ao real. Como é habitual na Mostra, estas seccións configúranse como un espazo onde conviven linguaxes, sensibilidades e maneiras de observar o mundo moi diversas.
A Sección Galicia, que poderá verse mañá, 11 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal, ofrece un percorrido polas direccións que está a tomar o cinema galego actual. Títulos como El cuerpo de cristo, de Bea Lema; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; Furada Negra, de Berio Molina; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo compoñen unha sesión na que conviven propostas que se moven entre o ensaio audiovisual, o cinema sensorial ou a reflexión simbólica sobre o territorio.
Pola súa banda, a Sección Internacional, que se celebrará o xoves 12 e o sábado 14 de marzo, ás 20:30 horas, tamén no Teatro Principal, reúne obras procedentes de distintos contextos xeográficos que exploran relacións entre memoria, paisaxe e identidade a través de dispositivos cinematográficos moi diversos.
Neste mapa de voces e sensibilidades, as miradas femininas ocupan un lugar central na programación da MICE. Cineastas como Bea Lema, Sabrina Fernández Casas, Diana Toucedo, Maureen Fazendeiro, Laura Gonçalves, Alexandra Ramires ou Emilia Auhagen-Kuoppamäki forman parte dunha selección na que as autoras participan activamente na construción das formas contemporáneas do cinema etnográfico.
Máis que unha cuestión de cifras, a súa presenza forma parte dunha realidade cada vez máis visible no panorama audiovisual: a de creadoras que, dende diferentes contextos e linguaxes, están a ampliar as maneiras de mirar o territorio, a memoria e as comunidades a través do cinema.
Un festival para pensar o cinema e o territorio
Dende a súa creación, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego consolidouse como un dos espazos de referencia para o cinema etnográfico e a antropoloxía visual no ámbito estatal. A programación desta edición reforza esa identidade, situando o festival como un lugar de encontro entre creación cinematográfica, investigación e pensamento crítico arredor das formas de representación do territorio e das comunidades.
A XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).
Toda a información e novidades, na web da MICE: mice.museodopobo.gal.