

O Auditorio de Galicia acollerá o 3 de outubro un concerto pioneiro que une música e ciencia para analizar como os estímulos musicais afectan á bioloxía humana
As persoas interesadas en asistir ao concerto poderano facer como participantes no estudo, previa inscrición na web do proxecto, ou como público xeral mediante a compra de entrada
A cuarta edición do proxecto Sensoxenoma volverá fusionar música e ciencia o vindeiro outubro no Auditorio de Galicia. O venres día 3, ás 19.30 horas, este evento unirá de novo a Real Filharmonía de Galicia (RFG) dirixida por Sebastián Zinca, e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, baixo a batuta de Casiano Mouriño, na interpretación dun programa sorpresa especialmente pensado para estudar o efecto de distintos estímulos musicais na bioloxía, dende os xenes á microbiota.
Os pormenores do Sensoxenoma'25 foron presentados esta mañá nunha rolda de prensa na que o equipo responsable do proxecto avanzou tamén os últimos resultados da investigación. Nela tomaron parte os catedráticos da USC Antonio Salas Ellacuriaga, investigador principal do grupo Xenética en Biomedicina (GenPob), e Federico Martinón Torres, investigador principal do grupo en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas (GenVip) e xefe do Servizo de Pediatría do CHUS; Laura Navarro Ramón, doutora en educación musical e musicóloga, coordinadora de Sensoxenoma; e Isabel Lista García, directora da Fundación Pública IDIS. Inteviñeron tamén Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia; Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela; Dulce María García Mella, secretaria xeral da USC e Ángel Facio Villanueva, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
Nesta ocasión, recolleranse mostras de sangue (punción capilar nun dedo), saliva (frotis bucal) e bágoas de persoas voluntarias maiores de 18 anos, xunto con datos fisiolóxicos obtidos mediante sensores sen fíos que rexistrarán a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a presión arterial, en colaboración coa Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. No estudo particparán persoas con afeccións neurodexenerativas, TEA e dano cerebral, en colaboración con asociacións de pacientes como Dano cerebral Santiago de Compostela, AMES Miastenia, ASPANAES e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar, alén de persoas voluntarias sen as condicións anteriormente mencionadas nin patoloxías previas. Sensoxenoma 2025 dá un paso máis no seu espírito de inclusión total incorporando innovacións tecnolóxicas para a captación da resposta ao estímulo de diferentes colectivos, como mochilas vibratorias para persoas xordas, ou dispositivos de monitorización fisiolóxica en tempo real.
A cita, un referente cultural e científico xa consolidado en Santiago de Compostela, reafirma o compromiso da RFG e da BMSC co papel transformador da música, non só como expresión artística, senón tamén como ferramenta de saúde e benestar.
As persoas interesadas en asistir ao concerto poderano facer como participantes no estudo, previa inscrición na web do proxecto (www.sensogenomics.com), ou como público xeral mediante a compra de entradas (5 €), que están xa dispoñibles na Zona C · Punto de Información Cultural (localizada na praza de Cervantes e aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e na web de Compostela Cultura.