A NOITE DO PATRIMONIO

DATOS BÁSICOS

O Concello de Santiago, que exerce en 2024 a presidencia do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (CPCHE), súmase un ano máis ás conmemoracións da Noite do Patrimonio ao caer do sol o sábado, día 14 de setembro. A axenda de actividades deste evento, que conta coa colaboración do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), do Instituto da Xuventude e das institucións que integran o GCPHE, promove diferentes accións artísticas que dialogan cos espazos urbanos, visitas guiadas e itinerarios para descubrir cando menos parte dos lugares, das persoas e dos oficios que manteñen viva a riqueza artística e cultural da cidade. 
Tres liñas de actuación, ‘Patrimonio Aberto’, ‘Patrimonio agora’ e ‘Patrimonio ao Vivo’, estruturan o programa.

Patrimonio Aberto

Dende as 20.00 ás 23.30 h poderase visitar de balde a exposición Hospitalitas. A Graza do Encontro,  na súa dobra sede en San Martiño Pinario e a a Cripta do Pórtico da Gloria. Preto de preto de 170 pezas integran esta mostra impulsada pola Fundación Las Edades del Hombre e a Fundación Catedral de Santiago. Ás 21.00 horas abrirán tamén a Casa das Máquinas, a Zona C·(antiga casa do Concello) e a Casa do Cabido, con acceso á exposición Ksado, iconas de Galicia da man dos comisarios  Carlos Castelao e Rubén Martínez Alonso. Tamén dende as 21 horas e até as 23 horas, abrirán ademais o Colexio de Fonseca que acubilla a exposición Arte e oficio en Compostela, o legado Ángel e a igrexa da Universidade, onde se poderá visitar a mostra Instrumentos de visión, de Armin Linke. Promovida co gallo do 25º aniversario do IGFAE [Instituto Galego de Física de Altas Enerxías] e os 70 anos da fundación da Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN, nas súas siglas en inglés),e comisariada por Mónica Bello, responsable de Arts at CERN, a mostra reúne fotografías do artista realizadas, nas últimas décadas, durante as súas visitas a grandes instalacións experimentais.

En paralelo, o paseo Compostela Nocturna ofrecerá a partir das 21.00 horas  e con saída dende a Casa das Máquinas tres percorridos guiados cunha duración aproximada dunha hora para afondar na relación entre Santiago e a noite, unha proposta que axiña esgotou todas as localidades dispoñibles. Ás 21.30 horas arrancará ademais un itinerario fotográfico da man do artista compostelán Manuel Blanco para descubrir espazos e lugares cun atractivo especial e aprender a fotografalos de noite coas cámaras dos dispositivos móbiles. A participación neste caso é libre sen necesidade de reserva e o punto de encontro será a praza de Cervantes.

Patrimonio Agora

A noite de portas abertas esténdese a outros espazos creativos que traballan diariamente na creación e reivindicación dun patrimonio vivo e en constante crecemento. A galería Patio de Luz, abre ao público o seu xardín interior, onde terá lugar unha  intervención luminosa e sonora de LIBREDÓN con composiciónsimprovisadas e vinculadas á exposición colectiva Palestina Existe e Persiste, das artistas Raquel Álvarez, María Xosé Domínguez e Elena Fernández Prada. A ourivaría de Susi Gesto abre tamén as súas portas para que o público poida coñecer as técnicas empregadas pola artista no seu traballo ademais de participar na creación dunha peza colectiva que ten por motivo a regueifa. O Gabinete, espazo de encontro e creación do barrio de Sar amosará algúns dos traballos nel realizados arredor da memoria colectiva e do patrimonio.  O espazo de arte de María Eirasm, Mareiras Art, participa tamén nesta nova edición da Noite do Patrimonio, abrindoas súas portas e promovendo unha conversa artística directa coa súa creadora. E o artista Pablo Barreiro abre á cidadanía as portas de Copia Cerámica para as visitantes que poidan asistir ao vivo ao seu traballo de creación .

Patrimonio  ao Vivo

Ás 20.00 horas, o bailador Israel Galván, Premio Nacional de Danza, ofrecerá na Casa das Máquinas o espectáculo de flamenco Solo. Ás 21.00 horas, Adelaida Antúnez presenta o seu novo traballo, Múerdagono Teatro Principal.  E ás 21.30 horas o Coro da Ra arrancará na praza de Cervantes un concerto itinerante co que percorrerá distintos espazos do casco histórico. Todas as actuacións son de balde sen necesidade de reserva.
 

 

Info práctica: 
Sábado, 14 Setembro, 2024
Varios lugares