ENCONTRO | PROCESOS E SUCESOS | LOS BRAVÚ

DATOS BÁSICOS

[MULLERES EN CADRIÑOS |  ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS #PUNCTUM]

Dea e Diego (Los Bravú) protagonizan o terceiro dos encontros programados na Zona C ao abeiro da exposición #PUNCTUM. Procesos e sucesos ofrece un menú-degustación apto para todos os comensais: cómic, fanzine, pintura, escultura, fotografía. Tanto lles ten o formato,  transitan sen complexos pola experimentación e o divertimento para ser referentes da arte máis actual. Los Bravú, departirán co público sobre os seus procesos creativos e sobre os sucesos que os fan posibles. 

Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988) coñecéronse mentres estudaban Belas Artes na Universidade de Salamanca e comezaron a traballar xuntos en 2012 baixo o nome de Los Bravú. Nos seus primeiros anos como colectivo, profesionalizáronse dentro do mundo do deseño e da edición, o que os levou a destacar sobre todo nas novelas gráficas e na banda deseñada de autor. O Ministerio de Cultura francés convidounos a residir na Maison des Auteurs de Angoulême e grazas a este mecenado publicaron algúns títulos destacados.como La Furia (APA-APA Editorial) ou MUJER! (Editorial Fulgencio Pimentel).

En 2016 obtiveron unha bolsa da Real Academia de España en Roma cun proxecto de arte secuencial que, durante a súa residencia en Italia, viraría cara a unha obra pictórica con forte influencia no mundo antigo e no Renacemento. Estas influencias clásicas en sintonía coa estética contemporánea deron lugar a unha obra figurativa particular que foi exposta en diferentes galerías e feiras de todo o mundo, como Nova York, Os Ánxeles, Chicago, Cidade de México, Londres ou Seúl. Os seus cadros, centrados nun marcado formalismo pictórico, teñen unha lectura que atravesa problemas contemporáneos como a relación cos medios dixitais, a masiva turistificación das cidades-museo, o ecoloxismo ou o eterno dilema entre a “alta” e a “baixa cultura”.

Ademais da pintura, nos últimos anos exploraron outras disciplinas como a escultura, o vídeo, a instalación e mesmo unha peza de danza para o festival de artes escénicas Escenas do Cambio.


 #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, permanece aberta no Auditorio de Galicia até o 16 de xuño

Entradas: 
  • Para todos os públicos
  • Entrada de balde até límite de capacidade
Funcións: 
Mércores, 22 Maio, 2024
17:30 a 19:30
Zona C. Punto de información cultural