INAUGURACIÓN | #PUNCTUM, BELISCOS DE BD NA ARTE CONTEMPORÁNEA GALEGA

DATOS BÁSICOS

A banda deseñada é unha arte moderna, buliciosa e transversal que evolucionou, dende a cultura popular de consumo de comezos do século XX até chegar a ser, hoxe en día, a forma artística máis representativa e horizontal da cultura universal. E, como no resto das artes, o papel da muller foi invisibilizado inxustamente facendo que o discurso e o talento feminino na BD fose relegado ao longo de décadas.

Comisariada por Ínigo Rodríguez Román, #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega é o corazón dun programa de actividades que dirixe Neves Rodríguez Román baixo o nome Mulleres en Cadriños concibido para pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada.

#Punctum pon sobre a mesa dúas realidades que resultan irrefutables: que a banda deseñada é arte e que as artistas galegas de BD son posuidoras dunha potencia visual e un discurso artístico de primeira orde.

Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy, artistas da BD e o fanzine galego amosan no espazo expositivo o seu talento en propostas ricas e heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos vixentes no noso acervo.

Todas creadoras millenials que elaboran as súas narrativas desde a plena conciencia do artístico en traballos que toman o fanzine como ferramenta expresiva primixenia. É na auto edición gráfica onde experimentan sen complexos xerando esquemas expresivos e estéticos audaces e persoais, que formalmente van dende as propostas máis conceptuais ata códigos estéticos universais.

Maru Astray (Santiago de Compostela, 1994) Fanzineira, artista plástica e ilustradora. Estudou Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña e o Máster de Deseño Gráfico da Escola Superior de Deseño de Barcelona EsDesign. Os seus traballos teñen unha marcada influencia do lowbrow cunha paleta de cores moi recoñecible. Utiliza como medio o papel, o lenzo e a experimentación con materiais como o vidro. Os seus traballos foron expostos en exposicións colectivas como o Museo Reina Sofía de Madrid e en galerías como a Galería Maraca de Vigo.

Julia Lago (A Coruña, 1994) Artista de cómic e ilustradora. Julia é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Ilustración e Deseño pola Universidade Politécnica de Valencia. A súa arte constrúese mediante un xesto desenfadado e unha utilización da cor que marca o carácter de cada peza. Julia foi merecedora das Ayudas Injuve para a Creación Joven. O seu libro Nós seis foi galardoado co Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña. O seu traballo puido desfrutarse en institucións como o Museo Reina Sofía, a sala Salvador de Madariaga, a casa Museo Picasso ou a Sala Manuel Moldes.

Bea Lema (A Coruña, 1985). Artista de cómic, ilustradora e artista de animación. Os seus traballos abordan desde a autorreferencia a temas relacionados co trauma, as relacións familiares, a enfermidade mental, a relixión e os ritos populares. Aborda a súa arte tendo o debuxo, o bordado e a animación como soportes e medios de expresión. En 2017 recibe o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental dende a perspectiva dunha nena. E, en 2022 é seleccionada para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des auteurs de Angoulême (Francia). O resultado desa residencia é un libro publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Deas maux à dire.

Uxía Larrosa (A Coruña, 1993) Artista de BD e historietista. Estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona con especialidade en gravado. Realizou estudos no Centro de Estampa Contemporánea de Betanzos e cursou o Máster en Estudos de Cine e Audiovisual Contemporáneo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Cunha enorme forza narrativa na que a economía de medios é utilizada como unha ferramenta simbólica máis á hora de darlle forma ao seu particular imaxinario artístico. A pesar da súa xuventude foi gañadora do concurso de cómic Reckalde-Ortzadar, do certame de banda deseñada Xuventude Crea da Xunta de Galicia en 2018 e, xunto a Luis Yang, do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña 2022.

Xulia Pisón (A Coruña, 1985) Artista de BD e ilustradora cursou estudos de ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña. Foi a gañadora do certame de banda deseñada Xuventude Crea da Xunta de Galicia na súa edición do 2015. Premio extraordinario en ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de Artes Plásticas da Xunta de Galicia 2017-2018. Dende 2015, Xulia é unha das artistas de BD máis prolíficas da nosa comunidade, editando traballos para Alita Comics, Demo editorial, Edicións Xerais, Universidade da Coruña, Amnistía internacional ou Salvat.

Pepa Prieto Puy (Santiago de Compostela, 1989) Artista referente dentro do panorama galego e nacional da BD. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo a súa traxectoria comeza nos festivais de autoedición galegos da man do fanzine colectivo Firecream. Os seus traballos foron publicados por editoriais como Tik Tok, Fosfatina e RV papers, chamando a atención de publicacións de sona internacional como o New York Times e The New Yorker.

 

© imaxe, Rostros, Uxia Larrosa

 

Entradas: 
  • HORARIO Sala Isaac Díaz Pardo
  • O día da inauguración a sala abre ás 20.00h
  • Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h [os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h]
  • Entrada de balde

 

Funcións: 
Martes, 2 Abril, 2024 a Domingo, 16 Xuño, 2024
Auditorio de Galicia